O audiólogo Lucas Fernández: «Hai que evitar o uso de bastóns de algodón para limpar os oídos»

Melissa Rodríguez
MELISSA RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CEE

Lucas Fernández, audiólogo e dono dos centros Oe+
Lucas Fernández, audiólogo e dono dos centros Oe+ ANA GARCÍA

O centro auditivo Oe+ de Cee cumpre no 2026 vinte anos

31 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O audiólogo Lucas Fernández Fernández está á fronte dos centros auditivos Oe+. O 2026 será un ano moi especial, pois celebrarán o vixésimo aniversario dos comezos deste grupo empresarial en Cee.

—Como lembra os inicios?

—Despois de estudar Audioloxía, vin que había posibilidades de implantar un negocio aquí, porque non había nada especializado na comarca e nos arredores. No 2013 abrimos en Lalín, e no 2015, tamén en Ordes.

—Que valoración fai destes anos?

—Fomos medrando, a maiores, en persoal e en maquinaria de electromediciña, mais na parte de servizos, cun taller de reparación de audífonos multimarca mais coa fabricación de moldes, tapóns... Somos sete audiólogos traballando, coa previsión de incorporar máis persoal no 2026. O noso buque insignia son as probas para a adaptación individualizada de audífonos.

—Cales foron os avances máis destacados no sector?

—A xente asociaba o audífono co deterioro pola vellez. Agora veno como algo que che vai axudar a aumentar o benestar. Fóronse miniaturizando, mais xa todo o mundo emprega auriculares e temos menos complexos. Os audífonos conéctanse co móbil e coa televisión, polo que fan máis doado o seu uso. Tamén reducen o ruído ambiental.

—Cando adoitan aparecer os problemas de audición?

—Nós aconsellamos facer revisións dende os 55 anos, que é cando comeza o deterioro auditivo na maior parte da poboación. E este aumenta cos anos, por iso a xente que máis acude a nós ten 65 ou máis. Aínda que tamén atendemos casos pediátricos, con especialidade en Ordes, e a mozos. A presbiacusia é precisamente o que máis vemos. Logo, casos de otite ou de perforación do tímpano.

—Que consellos se deben seguir no coidado dos oídos?

—Hai que protexelos cando hai fontes sonoras emitindo con moita intensidade, ben sexa baixando o volume, aloxándose ou usando protección. Ter o 60 % da potencia no móbil é suficiente. E tamén hai que evitar o uso de bastóns de algodón para limpar os oídos. O seu emprego debe limitarse á parte externa e non no canal porque aí estamos empuxando a cera cara o fondo e compactámola, o que pode ser un probable inicio dun tapón futuro. Quen teña acumulación, que acuda a un centro médico ou aos nosos centros. Este é un dos servizos que nos diferenza da competencia. Outro é que facemos monitores para os músicos ou para a televisión.

—Son os audífonos agora máis asumibles?

—Unha prótese auditiva ten unha vida útil de dez anos. Nós facemos unha tarifa dun 50 % de desconto para quen queira mercar o audífono e, logo, se quere unha garantía ou un seguro, aparte. No 2026 faremos promocións especiais polo aniversario. Seguramente, a partir do 15 de xaneiro, para agradecer a todos os pacientes que confiaron en nós nestes vinte anos. Entre os tres centros son xa máis de 3.000 e superamos as 20.000 revisións.