«Mon vivía na biblioteca e, dende hoxe, a biblioteca tamén vivirá nel»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CEE

Emotivo homenaxe ao eterno bibliotecario ceense, falecido a pasada primavera

16 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte, en Cee, tocou reunirse para celebrar, lembrar e recoñecer «a quen fixo da cultura un xeito de vivir»: o que durante máis de trinta anos foi bibliotecario municipal, Mon Rey Senra. Falecido a pasada primavera, en agosto o pleno decidiu outorgarlle a título póstumo o escudo de solapa do Concello e poñerlle o seu nome a un dos espazos dese altar da literatura no que el tantas horas ten empregado: a Biblioteca Francisco Mayán.

O acto de onte, que serviu para dar cumprimento a ese acordo plenario, deu comezo na Casa da Cultura coa intervención do técnico de xestión cultural de Cee, Víctor Castiñeira, quen fixo un extenso repaso tanto á traxectoria do homenaxeado como ás distintas fases e emprazamentos polos que foi pasando a biblioteca dende a súa inauguración, no 1981. «Mon foi testemuña dalgúns dos acontecementos máis importantes de Cee [...], e pola súa formación humanística e excelente trato persoal, tivo contacto con moitos intelectuais e escritores», lembrou Víctor, salientando tamén a súa formación e gusto pola historia.

O escritor Miro Villar, pola súa banda, destacou a participación de Mon na organización de actos como os do bicentenario de Fernando Blanco, a homenaxe a Baldomero Cores ou o aniversario da invasión francesa. Así mesmo, deu lectura a uns versos «na memoria de Mon Rey Senra, cómplice na querenza polos libros e pola historia desta Fisterra atlántica», dixo.

CONCELLO DE CEE

O acto tamén incluíu unha actuación do acordeonista Fernando Fraga, que dirixe a Escola Municipal de Música, xunto con Martín Castiñeira, integrante da banda e alumno do Conservatorio da Coruña. Interpretaron un tema que Fernando compuxo para o homenaxeado titulado A Mon. Así mesmo, descubriuse na biblioteca a placa co nome de Mon e a alcaldesa, Margot Lamela, entregou á viúva o escudo de solapa do Concello.

«O de hoxe é un deses días nos que o corazón fala máis forte que as palabras», dixo a rexedora no seu discurso, no que reivindicou que Mon entendía a cultura «como un acto de amor a Cee e á súa xente». Describiuno como un «exemplo de entrega, de servizo e de paixón polo seu pobo» e apuntou a necesidade de que as futuras xeracións «non esquezan quen foi nin o que representou».

«Mon vivía na biblioteca e, dende hoxe, a biblioteca tamén vivirá nel», concluíu a mandataria ceense.