Sementando estrelas

Guadalupe Vázquez Formoso LABIRINTO DAS SOMBRAS

CEE

basilio bello

19 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo comezou no patio do colexio Manuela Rial Mouzo, berce de saberes e corazón de Cee, cando un —por aquel entón— xoven mestre Isidro Caamaño alzou unha rede como quen abre unha porta ao infinito. Entre libros e soños infantís, aquel colexio converteuse en obradoiro de promesas: os recreos tornáronse destino e cada balón de vólei era xa un presaxio de futuro. O proxecto medrou e atopou en Dumbría as ás coas que, como Ícaro, voar cara ao ceo, da man de Floreal Castro e de Luis Alberto Fernández e Gurutz Larrañaga, que xa forman parte da historia daquel equipo de nenos que pasaron a homes e acabaron sendo lendas forxadas na fragua na que Luis Alberto converteu os adestramentos: nunha arte de ferro e luz onde cada erro temperaba o carácter e cada acerto gravaba unha estrela no ceo da Costa da Morte. O pavillón tornouse catedral onde os ecos das xogadas facían vibrar a unha vila enteira.

Chegaron títulos, tardes de gloria e aquel soño do Manuela Rial acadou dimensión de lenda. Entre as figuras que se alzaron desa canteira brillou Unai Larrañaga, chamado a vestir a camiseta da Selección Española, Tiago Fernández e Iago Larrañaga. Ao equipo sumáronse fichaxes de gran altura como Néstor González.

Hoxe, o club é herdanza e semente. Non só forma deportistas, senón tamén comunidade, labrando no corpo da comarca a certeza de que os grandes destinos tamén naceron en aulas pequenas. Arranca a décima tempada da Superliga 2, co Vólei Dumbría competindo por noveno ano consecutivo na segunda máxima categoría a nivel español. Cando o balón cruza a rede, todo lembra unha mesma verdade: no patio dun colexio seguen sementándose as estrelas que alumarán o mundo.