Jorge Rodríguez, do club Olimpia de Cee: «Esta carreira permite seguila de cerca, dende dentro, algo bonito»

a. l. / f. r. / m. r. CARBALLO / LA VOZ

CEE

Ana García

A localidade acole hoxe a sétima proba do Circuíto Correndo pola Costa da Morte a partir dás 20.00 horas

05 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Hoxe toca nova cita do Circuíto Correndo pola Costa da Morte en Cee. Será a sétima parada da décima edición. A partir das 20.00 horas celebrarase a icónica carreira nocturna na que, ademais, terá gran protagonismo o club local, o Olimpia. Jorge Rodríguez Lariño é o presidente e adestrador.

—Que bonito é correr de noite.

—É bonito correr a calquera hora, sempre que non faga moita calor. Haberá algo máis de fresco, sobre todo, se temos unhas temperaturas como as da pasada fin de semana.

—Que tempo se agarda?

—Se está algo encapotado como estes días, mellor. A ver se hai algo menos de vento.

—Lévase con máis ilusión cando se corre na casa.

—Sempre é bonito correr na casa. Que se fagan estes eventos cerca é unha boa ocasión para que te veñan ver os teus familiares. Para a xente da zona é un bo motivo para gozar.

—Cantos inscritos teñen?

—Andaremos sobre uns cincuenta deportistas.

—O seu é dos clubs que máis participan no circuíto?

—Somos dos máis participativos dende a primeira edición. O club fundouse hai once anos. Desde esa levamos intentando apoiar e intentado estar en tódalas carreiras.

—Vostede é corredor xa dende antes do auxe do running.

—De feito son corredor, non runner [ri].

—O caso é botarse a correr.

—Si, ao principio era máis remiso con isto do running.

—Anterior foi a etapa do footing.

—Si, e as señoras víanche e dicíanche: ‘‘Pero non terás outra cousa que facer!''.

—Imaxinou chegar a ver este circuíto?

—Foi unha iniciativa moi bonita, que xurdiu dos técnicos de deporte. Hai que apoialos, están facendo un gran traballo. Non en moitos sitios se organizan iniciativas así, xuntándose tantos concellos. É algo moi positivo.

—En Cee apóstase pola velocidade.

—Iso é algo significativo deste circuíto. Cada carreira é un mundo, podes atopar moita variedade. Vimos da de Carnota, de correr case 8 quilómetros pola area, e agora pasamos a un circuíto urbano, rápido. Para min é moi bonito, atractivo tamén para a xente que vén de público. Hai zonas nas que podes ver pasar atletas ata seis veces. É das poucas carreiras que o permite, algo a valorar, porque a min gústame correr, pero tamén me gusta o atletismo, ver como vai a carreira, non só a saída e a meta. Esta carreira permite seguila de cerca, dende dentro. Despois pasa polas rúas do casco histórico, pola zona marítima... A 10K son tres voltas duns 2.700 metros, co que tampouco se fai moi pesado, senón dinámico.

—Onde está a clave para vostede do percorrido?

—En non pasarse na primeira volta. Invita a correr, pero se te pasas moito na primeira volta, posiblemente o acabes pagando na última.

—O Olimpia obtén grandes resultados tanto na base como en sénior. Anxo Lado podería confirmarse no alto da 3K se gaña hoxe. Raquel Ramos marcha segunda na 10K. É algo no que se para a pensar?

—Hai que valoralo. Anxo acaba de sacar medalla no absoluto. É un orgullo telo no club, ao igual que o resto de corredores. Pouco a pouco vanse conseguindo cousas. Tamén está a xente que pasou polo club e segue conseguindo éxitos como Miguel Quintáns, medallista no galego; Xiana Lago, Elian Numa...

—Iso de nocturna... Adiántase un pouco.

—Si, o técnico ten en conta as críticas, e ao igual que mantén o percorrido do ano pasado pola boa acollida, neste muda o horario porque a xente queixábase de que cando acababa de correr, non había sitio para cear. Adaptouse entón. Trátase de facilitar un pouco a vida ao corredor.