Unha metamorfose de 140 anos

Darío Areas FUNDACIÓN FERNANDO BLANCO DE LEMA

CEE

Instituto Fernando Blanco, nunha imaxe tomada na primeira metade do século XX
Instituto Fernando Blanco, nunha imaxe tomada na primeira metade do século XX FUNDACIÓN FERNANDO BLANCO

150 aniversario do falecemento de Fernando Blanco de Lema | A fundación académica creada polo filántropo sufriu moitas transformacións

24 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O 2 de outubro de 1886 inaugurábase o Instituto da Fundación Fernando Blanco de Lema comezando así a súa longa traxectoria educativa. Nos cinco primeiros cursos, dende o inaugural de 1886-1887 ao de 1890-1891, fóronse poñendo en funcionamento, de xeiro paulatino, as distintas ensinanzas: os cinco cursos da segunda ensinanza, as escolas de primeira ensinanza de nenos e nenas, as escolas de adultos e adultas, os estudos de aplicación e adorno (Debuxo e Música), as carreira de náutica e comercio e as clases de caligrafía.

Ningún cambio significativo hai ata o curso de 1893-1894, no que para dar cumprimento á real orde de 1 de setembro de 1893, créase a cátedra de ximnástica hixiénica. Un ano máis tarde, e de acordo coa real orde do 16 de setembro de 1894 (reforma Groizart), establécense dous períodos de estudos da segunda ensinanza: o de estudos xerais (catro anos), e os preparatorios para Ciencias Morais ou para Ciencias Físico-Químicas (dous anos).

A materia de relixión

No curso 1895-1896 fíxose a adaptación ás esixencias do real decreto de 12 de xullo e reais ordes de 17 de xullo e 5 de agosto de 1895, cos que se volvía ao plan de estudos de cinco cursos. Destaca a imposición da materia de Relixión Católica, a cal só era obrigatoria «para los que profiesen la católico-apostólico-romana», e un exame de ingreso para os que pretenden acceder aos estudos de segunda ensinanza.

Precisamente foi o curso de 1895-1896 un dos máis complicados para o instituto, e por extensión para o ensino de Cee e da contorna. Con motivo da guerra de Cuba víronse minguados os recursos da entidade e acordouse a supresión da segunda ensinanza e da carreira de comercio.

Será no curso 1898-1899, rematada a guerra, cando se restablezan os estudos de comercio, e haberá que esperar ao de 1904-1905 para que se volvan as ensinanzas de bacharelato ante a insistencia das familias e das autoridades locais.

A Guerra Divil

Dende o restablecemento da segunda ensinanza seguen con normalidade as actividades docentes adaptándose ás distintas reformas educativas que se sucedían. Durante a Guerra Civil agudizáronse os problemas económicos da fundación; as súas posesións e ingresos reducíronse de forma alarmante e quedaron limitados aos intereses producidos por algúns pequenos investimentos. A pesares de todo continuaron as ensinanzas de bacharelato dependentes da fundación ata o ano 1959.

Antes, no 1953, os patróns acordaron ofrecer parte das instalacións do edificio para a implantación «de un instituto laboral que proporcione las enseñanzas de esta clase, haciéndolas en todo momento compatibles con la labor docente de primaria y secundaria de la fundación». O 11 de xuño de 1954 concédese dita autorización, e ata o ano 1959 impartíronse simultaneamente no instituto as ensinanzas de bacharelato, dependentes da fundación, e as do instituto laboral, que dependía do Estado.

Os conflitos xurdidos entre persoal da fundación e do instituto laboral, e tamén entre os últimos testamenteiros da entidade (José Quiroga Vázquez e José Corbal Sendón), e trala renuncia do segundo, o Ministerio de Educación e Ciencia destituíu do seu cargo ao primeiro, nomeando con data 30 de decembro de 1959, un padroado provisional que se encargaría do goberno da entidade.

Esta drástica determinación do ministerio significaba o final da actividade docente da fundación, pero, ao mesmo tempo, asegurábase que o edificio continuaría dedicado ao ensino. O 14 de maio de 1961 o padroado cedeu en usufruto o edificio, con tódalas súas pertenzas, ao Padroado de Ensinanza Media e Profesional, organismo dependente do Ministerio de Educación e Ciencia, e ata o ano 1967 impartíronse ensinanzas de bacharelato laboral elemental na especialidade industrial-mineira. Nese ano, e con motivo da unificación do bacharelato, convértese o centro en instituto técnico mixto, iniciándose as xestións para poder dar ensinanzas de bacharelato laboral superior, xestións que dan resultado positivo.

Ensinanzas de formación profesional

Finalmente, e por orde ministerial do 30 de agosto de 1974, establécense no edificio as ensinanzas de formación profesional de primeiro e segundo Grao, coas ramas de electricidade, madeira e mecánica, e as especialidades de instalador-montador en cada unha delas. 

Hoxe en día o edificio está cedido á Consellería de Educación, contando con preto de 500 alumnos/as e con 63 profesores/as. Pódense cursar nel unha grande variedade de estudos que comprenden a ESO, o bacharelato, cinco ciclos de formación profesional, ensinanzas para persoas adultas, así como o Plan Cuale (inglés). Ademais o instituto é sede da Escola Oficial de Idiomas.

A entidade pon en marcha de novo a rede de patrocinadores

A Fundación Fernando Blanco de Lema de Cee pon en marcha de novo a rede de patrocinadores que lle permita «ter a estabilidade precisa para afrontar as actividades» que desenvolve ao longo do ano.

Entre as iniciativas que pretende levar a cabo destacan a lembranza e recoñecemento do filántropo, así como a conservación e difusión do seu legado, do que una parte de amosa no Museo Fernando Blanco. Ademais, a fundación ofrece ao longo do ano unha completa programación educativa e cultural, organiza actividades, outorga os Premios Fernando Blanco aos mellores expedientes académicos, así como o habitual Mes da Fundación.