José Antonio Viña Patiño, unha vida ligado á docencia

josé antonio viña patiño

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

En primeira persoa | Vivín a implantación do novo sistema educativo coa adaptación que iso supuxo

18 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Fun profesor de instituto durante 38 anos, os últimos 30, no Alfredo Brañas de Carballo, desfrutando da docencia por ter o privilexio de ensinar a persoas extraordinariamente brillantes ou por axudar a outras con máis problemas a saír adiante. Pero na miña vida profesional destaco dous retos: a apertura dun novo instituto en Boiro, como membro do primeiro equipo directivo, e a implantación do novo sistema educativo como director en Carballo.

A Lei educativa do 85 (LODE) democratiza e adapta á Constitución o réxime de funcionamento dos centros docentes, pero non modifica en absoluto a estrutura do sistema educativo, seguindo vixente a EXB, BUP e COU e FP da Lei do 70. A aplicación desta norma non causou tensións de ningún tipo.

A verdadeira reforma educativa non se aprobou ata o 90, a LOGSE. Viña implicada pola adaptación do sistema a unha sociedade moi diferente e á contradición da obrigatoriedade ata os 14 anos coa prohibición do traballo ata os 16, que recolle a Constitución. A reestruturación foi dun enorme calado. Os centros de EXB pasaron a ser colexios de primaria e infantil, o profesorado segue sendo o corpo de mestres, e o alumnado, ata os 12 anos. O caso do seguinte nivel foi moito máis complexo. Desaparecen os centros de FP e os institutos de bacharelato, pasando todos a institutos de educación secundaria (IES), e os corpos de profesores de FP, profesores agregados de bacharelato e catedráticos quedan integrados nun só corpo de profesores de educación secundaria, algúns coa condición de catedrático. Tódolos IES van impartir as distintas etapas da secundaria e formación profesional. Por outro lado, a LOGSE pretende unha importante modernización nos métodos. Xa non hai programas de materias, hai currículos con obxectivos, contidos, métodos e criterios de avaliación. A pesar da cantidade enorme de actividades de formación, ao profesorado custoulle adaptarse.

Aproveito aquí para desmentir que en España hai unha reforma educativa por cada goberno. Ao contrario: funcionamos cunha lei educativa de mediados do século XIX, Lei Moyano, ata a reforma de 1970. A de 1990 xa dixen que era imprescindible e as seguintes non son reformas, son axustes desa norma que se basean en diferenzas de criterios no tratamento da relixión, das linguas propias e dos criterios de promoción do alumnado. Naturalmente, os currículos educativos deben adaptarse continuamente.

A lei entrou en vigor, pero a nova estrutura non se aplicou de maneira xeneralizada nos institutos ata o curso 98-99. En Galicia, a Xunta obrigaba aos centros de nova creación a anticipar a implantación das novas ensinanzas. Foi o caso do IES Isidro Parga Pondal de Carballo. Nese curso, o alumnado de sétimo e oitavo de EXB pasa aos institutos para cursar primeiro e segundo da ESO, e os de primeiro de BUP cursan terceiro da ESO. Así, sucesivamente ata que no 2001-2002, COU queda substituído por segundo de bacharelato.

Este proceso sufrírono por igual tódolos institutos, pero no caso do Alfredo Brañas, había agravantes. Un problema que nos obsesionaba xa na directiva anterior, da que eu fun secretario, era a falta de espazos exteriores, xa que teriamos que acoller alumnado de educación obrigatoria e a norma di expresamente que deben estar en todo momento baixo a custodia do centro.

Os recreos polas rúas

Nos 28 cursos anteriores, o alumnado facía os recreos polas rúas. Non era estritamente legal, xa que había menores, pero había consenso na comunidade educativa. Por outro lado, dentro do recinto non tiñan sitio para estar debido a que o centro quedara confinado en 6.000 metros cadrados dos 12.000 cedidos no ano 68. A superficie que faltaba estaba incluída no campo de fútbol. Despois dun longo debate, o Concello deixa libre e á disposición do instituto ese espazo. Por outra banda, a Consellería constrúe un patio cuberto despois de moitas reclamacións.

Masificación

Tamén era unha debilidade a masificación do centro nos últimos anos de BUP e COU, chegando a superar os 1.200 estudantes. Tiñamos que incorporar uns 250 alumnos máis e crear espazos novos. Dada a proximidade dos centros, propuxemos que ese alumnado se escolarizara en aulas cedidas no Colexio Fogar, recibindo clases do profesorado de primaria que se adscribiu a secundaria. Na práctica, eran aulas externas do instituto. En dous anos conseguimos integrar a totalidade do alumnado, pero esta solución, única viable por outro lado, creou enormes tensións de convivencia.

Outro problema era o cadro de profesorado, moi integrado e comprometido, pero a nova estrutura fixo que faltaran uns e sobraran outros. Varios profesores e profesoras tiveron que irse a outros centros. Foi unha mala experiencia porque eran amigos.

Cando deixei a dirección no 2003, o centro estaba estabilizado. Poño en valor o gran esforzo de toda a comunidade educativa para superar esta situación e, especialmente, do excelente equipo directivo que me acompañou.

dni

José Antonio Patiño (A Laracha, 1951) foi director do Alfredo Brañas dende o 1998 ata o 2003, aínda que a súa chegada ao centro carballés produciuse xa en 1986 e estendeuse ata o 2016, cando se xubilou, cunha excedencia de catro anos na súa etapa de exclusividade política. Outros cargos directivos sostivo e foi profesor de Matemáticas durante 38 anos, dos cales 30, no IES bergantiñán. Milita no PSdeG-PSOE dende o 2002, foi socio de goberno en Carballo oito anos e voceiro na oposición outros catro, ademais de coordinador provincial e, logo, comarcal.