«Pido a colaboración de Carballo, e estou segura de que non fallará»

P. Blanco , F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

A xunta local carballesa ten a súa cea anual programada para o 6 de abril. En Cabana será o 20

09 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Sábado 6 de abril • 21.00 horas • Acollerá Carballo en menos dun mes unha destacada acción solidaria: a cea promovida pola xunta local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), prevista para o sábado 6 de abril, ás 21.00 horas, no restaurante Punta do Leste. «Hai que traballar bastante, pero encantadas de facelo por esta causa», manifestou onte en Radio Voz Ana Casais, presidenta da entidade.

Teñen o seu local no mercado municipal, nun espazo cedido polo Concello, pero pronto se mudarán a outro baixo, tamén no mercado. Non haberá perda, pois, para facerse coas entradas: os mércores, de 18.00 a 20.00; os xoves, de 10.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00; e os sábados de 10.00 a 13.00. Alí deixarán exposto un contacto telefónico, por se non se pode acudir nese horario.

O custo é de 50 euros e na entrada inclúese algunha sorpresa, ademais de música con DJ Animus e, por suposto, o donativo para a investigación. Moitos avances que se deron foron grazas a estas convocatorias, «solidarias con maiúsculas», di Casais. «Pido a colaboración de Carballo, e estou segura de que non fallará», engade. Un «acto social» con fins benéficos que tamén pretende seguir dando visibilidade: «Que isto non quede durmido, a enfermidade segue aí, e vai a máis». Haberá posibilidade de fila cero.

A cea da AECC de Cabana, o sábado 20 de abril

Por vez primeira desde o 2019, antes do covid, tamén a xunta local da AECC de Cabana, presidida por Julia Blanco , prepara a súa cea anual. Xa ten data e lugar: sábado 20 de abril, ás 21.00, no polideportivo cabanés. Anima Blanco a acudir e seguir colaborando.