A lingua, un suplemento vitamínico

Mariña Lema Blanco

CABANA DE BERGANTIÑOS

CESAR QUIAN

Escribe a docente cabanesa Mariña Lema | Ao chegar á Coruña, topeime cunha realidade moi distinta á da Costa da Morte: case ninguén falaba galego

15 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Chámome Mariña Lema e veño de recoller o premio Mil Primaveras polo proxecto Vitamina G, que desenvolvín na miña aula.

Dende moi pequena tiven claro que quería ser mestra e foi pola miña profesora, María, que me deu clase en primeiro e segundo de primaria no colexio de Buño. Eu ía tan contenta á escola que choraba o sábado e o domingo: non entendía por que na fin de semana non se podía ir. Anos máis adiante, cando os mestres xa non me motivaban, acordábame da miña mestra María e pensaba «oxalá os meus alumnos e alumnas veñan contentos ao cole».

A pesar de telo tan claro, houbo moitos profesores que intentaron que cambiase de rumbo. Non entendían cómo tendo unhas notas tan boas non prefería facer Medicina ou unha enxeñaría. A que non entendía o pouco prestixio que teñen as carreiras de Educación Primaria ou Educación Infantil era eu: delas saen todas as demais. Ademais, para min a docencia é algo que se ten que escoller por vocación. Pensei en facer Matemáticas ou Química, pero sempre con vistas a acabar dando clase, aínda que no fondo sabía que o meu sitio estaba cos pequerrechos: sempre fun moi neneira.

Actualmente, son mestra de 5º. C no CEIP Sagrada Familia da Coruña. Tras impartir clase dous anos no CPI Cabo da Area de Laxe, concello do que son veciña, atopeime cunha realidade diferente ao chegar á Coruña. Mentres que na Costa da Morte case a totalidade das persoas falamos en galego, na cidade herculina a situación é totalmente oposta.

Isto supuxo un choque moi grande para min, coma se me romperan o corazón. As nenas e nenos preguntábanme: «Pero tú hablas en gallego todo el tiempo? ¿En tu cole del año pasado los niños y niñas también lo hablan? ¿Y saben hablar en castellano?, ¿Tu familia y tus amigas también lo hablan?...». Os máis cativos ata me chaman «la profe de Galicia».

Ademais, se lles pedía que falasen en galego porque a materia se daba nesta lingua, sentían vergoña porque non tiñan as ferramentas necesarias para facelo. Coma se nos mandaran a nós expresarnos en inglés!

Por outra banda, o número de alumnado procedente do estranxeiro no noso centro é moi elevado e a estes nenos ninguén lles fala galego porque «son de fóra e non entenden», aínda que leven xa varios anos en Galicia.

Un plan de acción

Eu non podía quedar sen aportar o meu gran de area para cambiar esta dinámica, así que decidín deseñar un plan de acción total que conseguise espertar a ilusión e a capacidade de traballo do alumnado en materia de dinamización da lingua.

A idea xurdiu como algo pequeno, dentro da miña aula, para que comezaran a coller soltura ao falar e puideran ampliar o seu vocabulario. Entre todos e todas concluímos que poderiamos falar máis galego, que deberiamos crear contido nesta lingua que nos constrúe, que eses materiais deberían ser dinámicos e que puidesen ser do interese dos nosos compañeiros e compañeiras. E tamén debían ser visualmente atraentes e estaren nas redes para que puidesen ser vistos dentro e fóra dos muros do noso centro. Pero, ademais, decidimos outra cousa: que os protagonistas seriamos nós.

Así naceu Vitamina G, un proxecto que emprega a lingua galega como factor de cohesión e integración social, nun contexto cunha alta porcentaxe de nenos e nenas de orixe migrante. Deste xeito, o alumnado implícase activamente, sendo os protagonistas da súa propia aprendizaxe, investigando e traballando a oralidade. Para nós a lingua é un «suplemento vitamínimo» que suma nun contexto moi diverso.

En menos de nove meses os resultados foron extraordinarios: un alumnado motivado cara a aprendizaxe da lingua que posúe recursos para desenvolverse de xeito oral nela. Pero non só eles e elas están motivados, senón tamén as súas familias que incluso «toman» a Vitamina G dende o outro lado do océano Atlántico.

Moitas veces pensamos que os máis pequenos non son capaces de comprender a magnitude de cousas tan importantes coma esta, pero non é certo. Eles e elas son moito máis conscientes do que imaxinamos, soamente hai que atopar a maneira de comunicarllo. Tanto é así, que na miña aula hai unha alumna neofalante —é dicir, a súa lingua materna é o castelán pero agora fala en galego— e iso que só ten 10 anos.

As mestras e mestres somos os seus referentes e temos a responsabilidade de facelos entender que o galego é parte de nós, da nosa identidade e da nosa cultura, e por iso temos que coidalo.

O feito de que todo este traballo fose premiado pola CTNL supuxo para os nenos e nenas un chute de enerxía: non podían crelo. Cando botan a vista atrás, ata eles mesmos se sorprenden da súa mellora. Moitos acababan de chegar a Galicia había uns meses e nin sabían que o galego existía, e agora fálano con soltura e compréndeno á perfección.

Oxalá se siga celebrando moitos anos máis o Mil Primaveras e oxalá nazan nos centros máis proxectos que dinamicen o galego entre os máis pequenos. Precisamos que as escolas sexan un lugar para o desenvolvemento da lingua, xa que por desgraza ás veces pasa o contrario: nenas e nenos que entran falando galego, saen falando castelán. Precisamos que o galego no ensino non teña unha porcentaxe que o limite. Precisamos que non haxa un decreto de plurilingüismo que xogue na nosa contra.

Este premio vai dedicado a todas as mestras e mestres que loitan cada día por manter vivo o galego nas escolas, aínda que moitas veces non teñan un premio coma este.

E tamén vai dedicado a meus pais, por criarme cun amor tan puro pola lingua e facer que o leve á aula, igual que o levou meu pai antes ca min, o meu exemplo a seguir. El tamén foi mestre na Costa da Morte durante 35 anos e acaba de xubilarse. Sempre, en cada recuncho, atopamos exalumnos del que o saúdan cheos de alegría e recordan anécdotas de tempos pasados: «Ola, Xosé Ramón, non pasan os anos por ti!». Eu tamén espero deixar pegada nos meus nenos e nenas.

Uns apuntes biográficos

Natural de Cabana, Mariña estudou na Coruña e dedícase á docencia. Logo dun breve periodo no CPI Cabo da Area de Laxe, actualmente imparte clases no CEIP Sagrada Familia coruñés. Foi alí onde deu comezo a un proxecto de dinamización lingüística, «Vitamina G», que vén de ser premiado na última edición do certame Mil Primaveras, unha iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). Ademais, ten sido recoñecida en certames literadios de distinto tipo e acadou un segundo premio no concurso de traballos académicos Ángeles Alvariño co seu TFG sobre estereotipos e prexuízos de xénero na Educación Física.