
Alexander Costa, de Cabana, é a mellor nota da Costa da Morte na PAU, cun 9,5
13 jun 2025 . Actualizado á 22:17 h.Alexander Costa xa fixo un bacharelato brillante. O segundo curso culminouno con dieces en todas as materias, polo que era visto que ía ter unha moi boa PAU. É a súa a mellor nota da Costa da Morte, cun 9,5. Iría máis que sobrado para calquera carreira que elixise e así será na dobre titulación de Filoloxía Galega e Hispánico que comezará en setembro. É de Cabana de Bergantiños e estudou no IES Eduardo Pondal de Ponteceso
«Estudo cando queda moito para un exame e cando queda pouco non son capaz de facelo», di. Recoñece que non lle gusta deixar as cousas para o último día e así estivo facendo desde sempre. Esta forma de actuar permitiulle cerra o bacharelato cun 9,95 en conxunto. Na PAU conseguiu un 9,5. O orientouse ás letras, pero dado que lle gustan tamén as matemáticas tirou por sociais.
Recoñece que coa PAU non tivo problemas, nin sequera coa controvertida proba de Historia. Tampouco acertou exactamente con que a Armada Invencible intentase chegar a Escocia, pero si explicou como foi derrotada. Asegura que aínda que o exame era novo e podía ser considerado complicado si corrixiron adecuadamente.
A súa materia favorita foi Historia da Arte e levábaa moi traballada do curso, polo que non tivo que estudar demasiado. Agardaba un 10, pero só sacou un 9,5 e aínda agora non sabe o motivo polo que perdeu o medio punto. Si logrou a máxima puntuación en Francés, aínda que o nivel non era o mellor. Estaba convencido de que lle fora ben, pero non agardaba tanto.
Declárase fervente amante da poesía, sobre todo da feminina, desde Rosalía de Castro ata Xela Arias. En novela o seu gusto en bastante distinto. O seu autor favorito é Dostoyevski.