Manuel Pose, de Cabana: «Cambiamos ao modelo ecolóxico tras 20 anos e agora funcionamos moito mellor»

CABANA DE BERGANTIÑOS

ECOVOZ | Ten unha explotación de produción de leite
02 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hai apenas catro anos que Manuel Pose decidiu cambiar o rumbo da súa explotación de produción de leite en Cabana de Bergantiños. Do modelo intensivo pasou ao ecolóxico cun manexo rexenerativo, o que xa lle está reportando beneficios. «Despois de vinte anos, queiras que non, é difícil cambiar e adaptarse a unha realidade nova. Nós démoslle moitas voltas, pero catro anos despois funcionamos moito mellor, tanto nós como os animais». «As nosas sempre tiveron nome, pero agora ata é máis doado acordarse porque duran máis, e daste conta de que elas aprenden o que hai que facer nas fincas ou nos camiños», conta.
O cambio, ademais de reducir a cantidade de gando, prohibe o uso de pesticidas e outros produtos fitosanitarios. Non obstante, iso non produce a perda de rendibilidade: «Estou nun programa de xestión con diferentes explotacións de toda Galicia, onde comparamos os datos con outras en modelo intensivo, e ganamos o mesmo ou máis que elas, incluso sen subvencións, e iso que supoñen unha parte importante dos ingresos», explica Pose, que tamén resalta que agora evita «inversións moi altas».
Agora mesmo, Manuel dirixe, di, unha granxa case que totalmente sostible: «O único é que compro algún penso para pasar o inverno e para que se relaxen ao chegar á cuadra para que eu poida miralas, pero será un quilo de penso o que comen ao día, case nada».