Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.
La Voz de Galicia
Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.

Catro concursos animarán o Nadal na Laracha

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

A LARACHA

ANA GARCIA

As bases publicaranse en breve no BOP, e a partir aí poderá formalizarse a inscrición

11 nov 2025 . Actualizado á 20:10 h.

Propostas para todos os públicos e unha gran cabalgata final. O Concello da Laracha xa anda a ultimar a programación de Nadal, da que avanza estes trazos, así como catro concursos cos que pretende animar tecido comercial, escolares, asociacións culturais e cidadanía.

Non faltará o certame de postais, para infantil e primaria dos centros do municipio. Tampouco o certame de panxoliñas María Angerit Tuset, que será o 20 de decembro, un convite a asociacións culturais, coros parroquiais e grupos do municipio. Os premios, a maiores dos 200 euros garantidos por participación, serán de 400, 300, 250 e 200 euros.

Nada menos que 30 anos, doutro lado, cumprirá o concurso de escaparates, que este 2025 repartirá 1.800 euros en premios entre os cinco mellor valorados polo xurado (500, 400, 300, 200 e 100 euros) e os tres que obteñan máis reaccións positivas durante o período de votación no perfil de Facebook do Concello (150, 100 e 50 euros).

Este mesmo sistema empregarase para decidir os premiados no concurso de fachadas, balcóns e xardíns particulares visibles desde o exterior: é o certame máis novo, con só tres anos de traxectoria. Convídase a participar nel a todas as vivendas das trece parroquias, decoradas con motivos de Nadal, e dúas categorías: vivendas unifamiliares e fiestras, balcóns e fachadas de edificios. No primeiro caso, a dotación será de 1.150 euros en premios: 400, 300 e 200 por parte do xurado, e 150 e 100 euros segundo as votacións en redes. No segundo, o conxunto será de 375 euros: 150 e 100 segundo as valoracións do xurado e 75 e 50 para o concurso que se leve a cabo en Facebook.

As bases dos catro concursos serán publicada en breve no Boletín Oficial da Provincia. As inscricións poderán facerse en liña ou na Casa da Cultura. As postais presentaranse nos propios colexios.