Conexión galaico-mediterránea na Feira das Cereixas de Paiosaco

F. Rodríguez / M. López CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

PACO RODRÍGUEZ

Xurxo Fernandes, referente no panorama tradicional galego, será o encargado de pechar este ano a programación

05 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Hoxe e mañá • Todo listo para que Paiosaco volva tinguirse de vermello nunha nova edición da Feira das Cereixas, celebración declarada de Interese Turístico de Galicia que terá lugar esta fin de semana. Comezará hoxe mesmo, cunha sesión vermú animada polo dúo Matices e cunha verbena na que actuarán a orquestra Kubo, que di posuír o escenario máis longo de Europa (27 metros); a discoteca móbil Impacto e o DJ Sonic.

Mais o groso da programación virá mañá, xornada na que se celebrará o tradicional mercado matutino das cereixas así como unha completa programación paralela. Durante toda a mañá, no estand do Concello da Laracha ofrecerase información turística e haberá unha food truck na que se poderán degustar gratuitamente produtos elaborados a base de cereixas.

Así mesmo, ás once da mañá haberá un obradoiro infantil no cal as crianzas aprenderán sobre o proceso de produción deste froito, e ás doce do mediodía arribarán Os Kilomberos de Monte Alto para animar o ambiente con música de charanga.

A tradición dominará a partir das oito da tarde, primeiro cunha actuación de música e baile a cargo da Asociación Cultural Queiroga, e despois, ás nove e media, co concerto do grupo Os Meliados.

A clausura desta Feira das Cereixas corresponderalle, non obstante, a Xurxo Fernandes, unha das máis destacadas figuras do panorama tradicional galego, que levará a Paiosaco o seu espectáculo Levaino! Unha proposta, comentou onte en Radio Voz Bergantiños, na que explorou a conexión entre a música galega e os sons mediterráneos: «Xa sabemos que temos unha conexión cos países do norte a través da gaita, pero eu quixen propoñer un camiño cara abaixo», explicou Fernandes, que ten xirado con esta proposta por infinidade de festivais e localidades galegas, pero tamén polo exterior.

Sempre en boa compañía, admitiu, pois pese a tratarse dun proxecto que el impulsa en solitario, subirán con el ao palco os integrantes de Pandereteiros sen Fronteiras e unha equipa de músicos de grande calidade.

De xeito paralelo a este espectáculo en solitario e ao seu rol de líder de Pan Sen Fron, Xurxo segue «estudando e aprendendo» sobre música tradicional. Ese traballo de campo, de recollidas e de petar nas portas desas cantareiras, xa non é agora tan intenso, máis a aprendizaxe non cesa. «Gústame dividirme e ter varias personalidades [musicais] para manter ese fogo aceso e seguir moi activo na música», sinalou o artista, que actuará ás dez e media da noite de mañá antes dunha gran traca de fogos de artificio, segundo a programación festiva.