Eu non son nacionalista. Nunca o fun e, aínda que non adoito facer declaracións sobre a miña ideoloxía, quería loar a labor de Beiras dende a profunda admiración. Foi un político tan enxebre como complexo e comprometido cas súas ideas, e ninguén das antípodas o pode negar. Creo que presta ver o solemne acto que encheu por completo o Museo do Pobo Galego. Beiras pertence a unha xeración de galegos ilustres que deixaron a súa impronta no desenvolvemento da comunidade, que sabían dominar a palabra e facer un discurso crítico sen guión. Horroriza ver como os políticos actuais dependen de gabinetes de prensa para poderen elaborar un texto plausible. Beiras tiña ese xenio que traspasa o dialectal para transformalo en paixón e iso si que é difícil de conseguir. Visceral e intelectual, un auténtico literato.
Pero, por riba de todo, tiña personalidade, unha condición que hoxe semella cotizar á baixa. Non necesitaba impostar a voz nin fabricar un personaxe. A palabra non era un recurso publicitario, senón unha ferramenta para discutir e cuestionar o poder.
Non compartín necesariamente as súas ideas, mais a grandeza de quen deixa pegada está en obrigarte a escoitar mesmo cando non pensas coma el.
Por iso emociona ver o Museo do Pobo Galego ateigado. Non é só unha homenaxe a un político, senón tamén a unha forma de estar no mundo que parece en perigo de extinción. A cultura, a oratoria e o compromiso non deberían ser reliquias dunha época pasada.
Marchan os homes, quedan as palabras. E as de Beiras, para ben ou para mal, non eran palabras de usar e tirar. Tiñan pensamento, retranca e carácter. Nun tempo no que tantos parecen falar sen dicir nada, non é pouca cousa.