Se es pai, nai, docente ou simplemente un adulto que nos últimos tempos non viviu illado nunha cova, é probable que teñas presenciado unha escena curiosa. O teu fillo, sobriño ou un adolescente aleatorio na rúa fai un estraño balanceo coas mans mentres di: «Six-Seven!» Acto seguido, os seus amigos estalan en gargalladas como se escoitasen o mellor chiste da historia da humanidade. Ti quedas preguntándote se te perdestes algo ou se a Xeración Alfa finalmente completou a súa transición cara ao surrealismo absoluto. Non te preocupes, non é un ataque de demencia senil prematura; é o Fenómeno 6-7.
Que significa «6-7»? Nada. Mentres as civilizacións antigas usaban a linguaxe para transmitir coñecementos sobre agricultura ou filosofía, os rapaces de agora decidiron que o cume da evolución lingüística é repetir dous díxitos sen ningún tipo de contexto aparente.
Todo comezou cunha canción de rap —Doot Doot (6 7)—, utilizada en redes sociais por LaMelo Ball, xogador da NBA, de estatura 6’7” (6 pés e 7 polgadas), e dalgunha maneira o planeta enteiro entrou en curtocircuíto.
O impacto foi tal que nos colexios de medio mundo, os profesores aínda evitamos abrir os libros pola páxina 67 por puro instinto de preservación acústica.
Mais, a fin de contas, este fenómeno non é máis que a proba de que cada xeración necesita a súa linguaxe secreta para desesperar aos adultos. Así que a próxima vez que o mundo pareza non ter sentido, non te estreses. Respira fondo, balancea as mans e lembra: a vida sempre é un sólido Six-Seven.