Centeo ou espigas

Natalia Lema Otero ECOS DÁ GÁNDARA

CARBALLO

Unha espiga daquel millo do país
Unha espiga daquel millo do país MERCE ARES

Como todos os veráns, hai variables que xamais cambian. O calmuzo nas horas centrais do día, as avionetas debuxando liñas sobre as nosas cabezas dende Mazaricos e os visitantes dos dolmens. Aqueles que, coa súa pequena cámara, pretenden inmortalizar os megálitos para sempre. Esta semana visitounos un grupo de tres intrépidos coruñeses, pero ben coñecedores da zona. El foi, nos anos setenta, mestre en San Cosme de Antes.

Acordábase dos invernos duros da Costa da Morte, nos que había días en que a luz eléctrica fallaba por mor da demanda de Carburos Metálicos. Falamos longo e tendido. As maceiras da nosa casa, xa coa froita murcha, foron as únicas testemuñas na Gándara. Preguntáronme se faltaba moito para recoller o centeo ou as espigas de millo e pensei, frugalmente, que oxalá fose así. O millo do país é case un vestixio histórico, mentres a cartelería dos ensaios de millo enche as leiras. Atrás quedaron aquelas xornadas nas que, co esfollador, se ían quitando todas as capas das espigas. Unhas de millo negro, outras marelas coma a cor do sol. Agora, aquí no noso país, todas as espigas son iguais, con uns pés totalmente simétricos. Do centeo xa non me acordo, máis aló das memorias alleas. O que si vin, na mirada de nostalxia do visitante, foi esa morriña por aqueles tempos de sinxeleza.

En San Cosme parece, por veces, que o tempo se detivese nunha moratoria indefinida: apenas hai cobertura móbil e as vacas pacen ás beiras da estrada con tranquilidade. Algunhas son rubias galegas, pero tamén hai Black Angus; os tempos son os tempos. As modas, tamén. Polo momento, esta pequena vila entre A Pereira e Brandomil asemella perenne ao paso dos anos, cunha envexable resiliencia.