Ous migrantes de Ceuta son a última píldora que alimenta o racismo. Mentres, dúas nacións fan un pulso comedido onde as vidas humanas son usadas como ferramenta política nun tira e afrouxa que vén de bastante vello. Maila toda esta onda de odio, poucas persoas tiveron a empatía de pensar no perfil de persoa que cruzou a nado. Persoas de pouco poder adquisitivo, de escasos recursos, novos e con acceso rápido a redes sociais e, en consecuencia, a bulos. Todo isto, nun Marrocos cheo de protestas pola deficiente sanidade pública e o difícil acceso á educación. O país non é igual na metrópole, en Rabat ou Marrakech, como na periferia, asolada de pobreza por antonomasia. As desigualdades fanse patentes e só as capitais turísticas albergan servizos e aparencia de país desenvolvido e occidental.
A invasión responde a un sentimento de querer buscar unha vida mellor, de pensar en España coma un soño americano inexistente. O que si é certo é que ducias de familias perderon aos seus fillos, algúns que seguro nin sequera avisaron nas súas casas da dificultosa travesía que querían emprender. Outros mendigan polas rúas de Ceuta, desenganándose da utopía que lles venderon e vivindo da caridade e da esmola. Os únicos que asemellan alleos á traxedia son os dirixentes. O monarca marroquí por Francia, gozando de todo aquilo que repudia e censura no seu país. O noso, Pedro Sánchez, compartindo trivialidades sobre a música que escoita no seu verán idílico. Eu só penso nas nais, esas que non poden enterrar aos seus fillos na súa terra sacra e que claman sen descanso a un deus que parece imperturbable.