O cortexo moderno é máis confuso que un manual de instrucións sueco. Pode comezar co lovebombing (bombardeo de amor), unha táctica na que alguén che profesa adoración eterna nun tempo récord. En cuestión de días, pasas de ser unha persoa normal e corrente a ser a Oitava Marabilla do Mundo.
Pero xusto cando estás xa planificando a voda e elixindo os nomes dos vosos futuros fillos, ocorre a transformación. Sen previo aviso e sen ti saberes por que, actívanse sucesivamente o benching (es relegado ao banco), o breadcrumbing (danche frangullas para que sigas aí enganchado), o gaslighting cando lles preguntas que pasou (eles dirán: «Esaxeras», e ti ata dubidarás da túa memoria e cordura) e o golpe final: o ghosting (desaparecen da túa vida sen deixar rastro).
A túa noutrora alma xemelga acaba esfumándose como por arte de maxia e aí queda a túa mensaxe de «ola, que tal?» co seu dobre check en azul para o resto da eternidade.
Pero a trama pode dar un xiro: cando xa choraches vinte mares e comiches medio supermercado de chocolate para paliar o teu mal de amores, é posible que che intenten facer zombieing, reaparecendo da nada, e o hoovering, intentando atraparte de novo coa forza dunha aspiradora.
Pero non piques, alma cándida! Debes aprender a protexerte deses vampiros que che chuchan o sangue, e quizais algún día poderás atopar un amor de verdade.
Un que che dea paz e alegría. E non o castigo das palabras en -ing na fermosa lingua de Shakespeare.