Acompáñanme en cada presentación. Son fermosas figuras co seu carácter e coa súa historia, pequenos símbolos de conciencia. Nun mundo onde o consumo voraz e a cultura de usar e tirar dominan o día a día, existen artistas que se resisten a desbotar a alma das cousas. A arte feita a partir de lixo transforma os nosos residuos en obras de arte que demostran que o vello pode renacer cargado de beleza. Estes artistas converten fealdade en beleza, facendo deste paradoxo a súa lingua. Nos seus lugares de traballo, atopas unha maraña de obxectos que perderon a súa función: botóns, tapas, boias… Pero ao ver o resultado, o caos cobra precioso sentido.
En Quilmas está Alivavá —Alicia Vázquez Vázquez—, creadora de figuras únicas que contan a historia dunha redención. A vida dos seus bonecos comeza nunha fábrica onde nacen como boias de pescadores sobre todo. Tras un tempo nos barcos, almacéns e no océano, rematan nunha praia ou entre as rochas, pasando a formar parte desa inmensidade de plásticos que invaden as costas do planeta. Ela reutiliza estes residuos para poñernos diante dos ollos o que algúns non saben e outros non queren ver. Transforma o lixo con creatividade e cariño. Transforma o que era parte deste problema da humanidade en pequenos seres únicos. Beleza feita de desfeitos, igual que a vida mesma. Son poesía que nos murmura unha verdade incómoda sobre como vivimos, pero, ao mesmo tempo, esperanzadora: nas nosas mans está a capacidade de reparar. O Día do Medio Ambiente celébrase cada 5 de xuño. O Día dos Océanos, o 8 de xuño. En tempos onde o mundo se afoga nos seus desperdicios, esta forma de arte devólvenos a esperanza, demostrando que incluso das nosas ruínas somos capaces de tecer algo fermoso.