Dous feridos moi graves nun accidente con catro vehículos implicados na autoestrada AG-55
CARBALLO
A alerta activouse pouco despois deste mediodía no punto quilométrico 20,100-20,300, en Paiosaco, dirección Carballo
10 dic 2025 . Actualizado á 21:59 h.Dúas persoas resultaron feridas, en principio de prognóstico moi grave, como consecuencia dun accidente de tráfico ocorrido este martes na autoestrada AG-55. A alerta activouse pouco despois do mediodía á altura do punto quilométrico 20,100, en Paiosaco (dirección Carballo).
As primeiras hipóteses a pé de estrada apuntan a catro vehículos implicados: tres coches e unha furgoneta, nun tramo duns 150 metros. O primeiro contratempo produciuse entre unha furgoneta e un vehículo marca Audi. Todo parece indicar que o condutor dun terceiro turismo freou coa intención de auxiliar aos ocupantes dos outros dous vehículos sinistrados cando resultou embestido por un cuarto coche.
Ata o lugar do sinistro acudiron axentes do destacamento e do Subsector de Tráfico da Garda Civil da Coruña, varias ambulancias medicalizadas e persoal de mantemento da autoestrada. O carril dereito, sentido Carballo, quedou cortado ao tráfico entre o punto 20,100 e 20,300 á espera de que os feridos, dúas persoas, fosen evacuados ao centro hospitalario de referencia e os vehículos, retirados da vía.