O Xiria suma un punto tras un final de infarto fronte ao Lalín

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

David García Pichel tivo a ocasión para gañar na última xogada, pero rematou en empate (33-33)

30 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.

No últimos corenta segundos do Calvo Xiria-Disiclín Lalín (33-33) puido pasar de todo. Tíñana para gañar os visitantes logo de que o seu porteiro se atopase o lanzamento de Chimpo. Movérona con calma despois dun tempo morto e xogárona desde a esquina, pero o poste salvou aos de Carballo e deulles unha última opción. Foi para David García Pichel, que nun remate demasiado forzado tampouco puido romper unha igualada que significa a terceira semana sen perder para o Calvo Xiria.

No entanto, os locais quedan con peor sabor de boca, pois non foron en ningún momento por detrás no marcador e chegaron a acumular catro goles de vantaxe durante a segunda parte. Darío Calviño foi clave baixo paus para contrarrestar os rápidos contragolpes visitantes.