Últimos días para participar no 22.º concurso Contos de Nadal

P. B. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Antonio Candal Rey, alumno do colexio Labarta Pose de Baio, recibindo o primeiro premio do certame no 2024
Antonio Candal Rey, alumno do colexio Labarta Pose de Baio, recibindo ou primeiro premio do certame non 2024 ANA GARCIA

Os colexios han de remitir os traballos antes do 30 deste mes. É un certame para os cursos terceiro e cuarto de primaria 

27 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.

La Voz de Galicia e Radio Voz, co patrocinio de EDP Renewables, teñen en marcha a xa 22.ª edición do seu certamen literario Contos de Nadal. É o máis veterano dos concursos impulsados dende este xornal, e neste caso vai dirixido a alumnado de segundo ciclo de primaria de todos os centros educativos da Costa da Morte, dende Cerceda a Fisterra: isto é, cursos terceiro e cuarto. O prazo para facer chegar os traballos está a piques de finalizar: quedan os últimos días —ata este vindeiro domingo, 30 de novembro— para poder participar. Cómpre facer bulir o maxín ou proceder os colexios ao envío no caso de que os relatos dos pequenos xa estean listos.

Requisitos e formas de envío

Busca La Voz talento literario arredor da temática de Nadal, e os textos han de cumprir unha serie de requisitos. Así o fai constar a organización nas bases: creación inédita e escrita en galego, cunha extensión máxima de 1.500 caracteres. Serán os centros educativos os que remitan os contos convenientemente indentificados: nome, apelidos, idade e curso do autor, datos do profesor ou profesora responsable da supervisión do relato e enderezo e teléfono do colexio. Para facelos chegar hai dúas vías: ou ben fisicamente (La Voz de Galicia, rúa Gran Vía, 84, 1.º, 15100, Carballo) ou ben mediante correo electrónico: eventos.carballo@lavoz.es. Dado que os participantes son menores de 14 anos, ha de cumprimentarse asemade a autorización que acompaña as bases, sendo asinada polos pais ou titores legais do estudante.

La Voz e Radio Voz, nese seu afán de tirar da imaxinación dos máis pequenos nestas datas tan propicias a facelo, procurán seguir dando relevo aos gañadores das 21 edicións anteriores. No 2024 ese galardón foise ata o colexio Labarta Pose de Baio, para Antonio Candal Rey: «Hai cousas que só poden arranxar as persoas, pero teñen que querer facelo, e non preocuparse só dos seus regalos. Xuntos poderían cambiar o mundo. E ata Blas o entendeu!». Así foi como el finalizaba o seu conto Ou burriño que quería ser un reno de Papá Noel.

Contos de Nadal xa se ten convertido nun verdadeiro clásico das letras escolares na Costa da Morte, punto de partida doutros concursos con menor traxectoria, pero xa plenamente afianzados, como son Contos de Primavera ou o Territorio Vákner.