As lagoas costeiras de Galicia e o efecto do inverno

CARBALLO

BASILIO BELLO

Apuntamentos xeolóxicos | As ondas movidas polo vento continúan empurrando area cara á costa, como ocorreu en Caldebarcos, Corrubedo ou Traba

18 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Todos os invernos repítese un mesmo incidente. Cando a choiva eleva o nivel da auga nas lagoas costeiras galegas, alagando as zonas contiguas, núcleos de poboación e paseos marítimos son os máis afectados. E as reclamacións resólvense, só temporalmente, a golpe de buldócer.

Dáse por suposto que esas lagoas de orixe mariña, foron formadas mediante acumulación de area polas ondas durante os temporais, así que todo se resolve botando ao mar o que este botou a terra, e non é así.

As lagoas costeiras de Galicia hanse formado polo vento que durante os últimos tres mil anos empurrou area contra a costa e en calquera entrante, entre a duna e a costa, os ríos que van ao mar formaron unha lagoa de auga doce.

As ondas movidas polo vento continúan empurrando area cara á costa, como ocorreu desde sempre en Caldebarcos (Carnota), Corrubedo (Ribeira), Traba (Laxe) ou Carnota, onde a area eólica case encheu as lagoas nun proceso natural e inexorable, que a acción antrópica trastorna cando intervén, como en Baldaio e Frouxeira onde se presentan problemas sempre.

Noutros casos, A Lagoa de Louro, no Concello de Muros, onde non existiu retoque ningún, todos os anos prodúcese o fenómeno do ingüeiro (inlet), que é a apertura da canle de forma natural polas augas, o que regula naturalmente, o nivel da lagoa. Mentres, en Baldaio, a brutal intervención desde hai case un século perturbou o sistema lagoa-mar producindo continuos problemas de drenaxe que afectan as poboacións ribeiregas.