«A chamada do Vákner chega cada vez máis lonxe»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Pedro Rielo Lamela (centro), primeiro premio na modalidade de adultos, con Valentín García, secretario xeral da Lingua, e Raúl González, alcalde de Dumbría
Pedro Rielo Lamela (centro), primeiro premio na modalidade de adultos, con Valentín García, secretario xeral dá Lingua, e Raúl González, alcalde de Dumbría BASILIO BELLO

Crónica e álbum de fotos | Entregados en Dumbría os premios dos certames literarios Territorio Vákner: «Unha idea, unha crenza, unha fantasía é a mellor panca para mover o mundo»

15 nov 2025 . Actualizado á 23:52 h.

«Unha idea, unha crenza ou unha fantasía é a mellor panca para mover o mundo. O Vákner tamén o é para desenvolver o noso territorio e darlle outra dimensión ao Camiño». Escoitouse isto este sábado no albergue de peregrinos do Conco durante a entrega de premios dos certames literarios —escolar e de adultos— Territorio Vákner, iniciativa de La Voz, Radio Voz e Concello de Dumbría. Foron palabras de Xosé Ameixeiras, delegado do xornal en Carballo, que como proba aludiu á industria que máis move Santiago: «A inventio, que foi como a Igrexa lle chamou ao descubrimento no século IX do sepulcro do Apóstolo». O concurso Territorio Vákner tamén se sostén niso, nunha idea, nun mito ou crenza. «Na creatividade cultural e literaria», dixo Julio Abalde, subdelegado do Goberno: «Os libros gardan a memoria da cultura, da historia, da humanidade, a creatividade das xeracións. A cultura galega é universal, temos que saber defendela, saber apoiala».

Pedro Rielo, Mayka Mouzo e Suso Bahamonde mereceron primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente, na categoría de adultos. Marta Rego, do colexio La Salle de Santiago, e Lara Caamaño, do IES Ramón Caamaño de Muxía, os primeiros postos en primaria e secundaria, apartado escolar no que tamén foron recoñecidos Hugo Calvo, Marcos Pérez, Carmen Canosa e Catalina Grace Bowditch —primaria—, así como Adriana González, Helena Canosa, Iria Martínez e Jose Canosa —secundaria—. A todos eles faloulles o escritor Rodrigo Costoya, padriño do certame, dos libros, un «invento revolucionario» para «gardar a información fóra do corpo».

Marta Rego Martínez, do colexio La Salle, primeiro premio en primaria, con Pedro Sánchez Carracedo, titor, e Raúl González, alcalde de Dumbría
Marta Rego Martínez, do colexio La Salle, primeiro premio en primaria, con Pedro Sánchez Carracedo, titor, e Raúl González, alcalde de Dumbría BASILIO BELLO

Lara Caamaño Alvite, primeiro premio de secundaria, con Jorge de Barnola Navarro, docente no centro, e Raúl González, alcalde de Dumbría
Lara Caamaño Alvite, primeiro premio de secundaria, con Jorge de Barnola Navarro, docente non centro, e Raúl González, alcalde de Dumbría BASILIO BELLO

De talento e monstros

«Os libros son a materialización para facer eterno o pensamento humano, posiblemente o invento máis divino e seguramente o máis humano de todos (...) Ningún outro invento sería posible sen os libros, e polos libros é que estamos aquí», afirmou o tamén docente.

A velada no Conco contou co talento ao saxofón do corcubionés Juanma Abelleira, que con Alfonsina e o mar, Ao meu xeito e Autumn leaves levou do público non só varios aplausos, senón algún «bravo!».

BASILIO BELLO

A de onte en Dumbría, neste «encontro coa palabra, coa imaxinación e coa memoria» —dixo Raúl González, alcalde—, foi unha celebración «da forza da literatura e do territorio: «O Vákner, esa besta misteriosa, segue viva, non nos montes, pero si nas páxinas e voces de quen se atreve a soñalo e reinventalo (...) A chamada do Vákner chega cada vez máis lonxe. Cada relato é unha pegada máis neste camiño literario que medra ano tras ano».

Con case 300 textos presentados este 2025 —cuarta edición de adultos e quinta escolar—, é difícil ver en Galicia un concurso con estas cifras, aseverou Valentín García, secretario xeral da Lingua. Case 300 textos dándolle pulo ao idioma: «Tedes unha cultura e unha lingua propias, un sitio de onde ser, onde estar. Levádeo con orgullo». Como fixeron todos os galardoados, tamén Valentín lle puxo cara ao Vákner: «Os medos, algo tan antigo como a humanidade». Cómpre vencelos como se vencen os monstros —ou, mellor, para Julio Abalde, as ferramentas mal usadas—: a escrita humana impúxose á da intelixencia artificial.

BASILIO BELLO

Un «fardel de palabras» que devén conto

«Saúde, patria, que regresen os amores salitreiros, un rif de guitarra e moito rock&roll». Así rematou o escritor e xornalista Pedro Rielo, primeiro premio na categoría de adultos, a súa intervención. Estendendo o agradecemento a organización e xurado e os parabéns a todos os demais, incidiu na escrita como «tarefa compartida». As 150 toneladas da Pedra Cabalgada, con dúas moles en equilibrio como «por arte de birlibirloque» mais en realidade por efecto dun vento que «sempre fai trasnadas», foron no seu caso inspiración. O conto é a forma dada a «un fardel de palabras»: «Vivimos nun tempo no que as palabras se reducen, é importante a nosa lingua, pero tamén enriquecela, como fala a nosa xente».

Carpintería, parafusos, bisagras: todo iso é necesario nunha historia que queira deixar pegada en «tempos de balbordo e ruído», de busca de atención e filtros. Personaxes con compoñente de escuridade, pero tamén de luz («aquí hai moita») pasaron polo discurso de Pedro, que vindicou a adaptación de historias e mitos e tempos actuais, á vez que un lugar para a literatura no xornalismo do día a día: «Un xornalismo coidado». Que ou quen era o Vákner? «Para min, en parte, os outros, as persoas que non escoitan, que non falan, que non teñen empatía, que poñen atrancos, que acoutan a liberdade e acoutan a imaxinación».

QUE MÁIS DEBERÍAS SABER

Obxectivos do certame. Agrandar a dimensión literaria do Camiño a Fisterra e Muxía e tamén a do Vákner, ese monstro co que o bispo armenio Mártiros narrou terse atopado nos montes de Dumbría alá polo 1493. Peregrinaba cara o fin do mundo. 

Dotación económica. O certame ten unha dotación total de 4.500 euros. Son 2.000 para o primeiro premio de adultos, 1.000 para o segundo e 750 euros para o centro educativo do rapaz ou rapaza gañadora: un en primaria e outro en secundaria. 

Curiosidades. Entre os 13 relatos galardoados este ano, dous deles son escritos por dúas irmás, Helena e Carmen Canosa Durán. 

BASILIO BELLO

BASILIO BELLO

Plumas que perseveran e outras que chegan con forza. Entre os adultos hai premiados de longa traxectoria xa, como Pedro Rielo ou Suso Bahamonde. Pero tamén hai plumas que se estrean en concursos, como a camariñá Mayka Mouzo, que non obstante escribe dende sempre. Por residir en Escocia, esta moza natural de Arou non puido estar presente en Dumbría, mais recolleu o galardón no seu lugar Miriam Mouzo Pose, curmá, a persoa que lle fixo chegar a convocatoria. Na modalidade escolar, non era a vez primeira que recibían galardóns polo seu talento literario Catalina, Hugo, Iria, Adriana ou Lara. 

Podo ver nalgún lugar a cerimonia de entrega? Si. Neste enlace web

Podo ler nalgún lugar os contos e relatos premiados? Si. Aquí están os de primaria, os de secundaria e os de adultos