Ou camiño do Vákner: quinto premio

jose canosa rodríguez CPR MANUELA RIAL MOUZO (CEE)

CARBALLO

Jose Canosa Rodríguez
Jose Canosa Rodríguez .

14 nov 2025 . Actualizado á 20:25 h.

Alonso Rodríguez camiñaba só baixo o ceo de Dumbría, alí onde o vento leva pregarias que ninguén escoita. A chuvia caía coma un rosario desfeito, batendo no seu manto gastado. Levaba días sen durmir, co corazón latexando coma un tambor de medo: a súa filla, Inés, ficaba na aldea, pálida e muda, cos pulmóns cheos de auga e de sombra.

Avanzaba cara a Santiago cunha promesa entre os beizos: «Apóstolo bendito, sálvaa!». Mais no bosque as árbores murmuraban outro nome: Vákner. Non o vía, pero sentíao detrás, entre os fieitos e a néboa. Era o peso do terror, o alento da culpa. Cada póla que estalaba parecía dicirlle que ía chegar tarde, que a morte corre máis ca un home canso.

Ás veces cría oír a tose da súa filla entre os tronos, e detíñase, coa alma aberta en canal. O Vákner non era unha besta con cairos; era o rostro invisible do tempo. Alonso comprendeu que non fuxía dun monstro, senón da certeza de que o aire xa faltaba no peito de Inés. Cando por fin saíu do bosque, viu unha estrela rachada no horizonte. Caeu de xeonllos. Non soubo se rezar ou se chorar. Dentro del, o Vákner bramou por derradeira vez, e logo o silencio envolveuno todo.

En Compostela contan que un peregrino deixara unha pedra xunto ao altar e desapareceu. Ninguén o viu chegar, pero na pedra podía lerse, coas xemas dos dedos: Ou medo ten nome, e chámase amar demasiado.