Inclúe álbums! Sísamo, Laxe, as Torres do Allo ou o Casino de Carballo acolleron celebracións outonais nos últimos días
12 nov 2025 . Actualizado á 13:35 h.«A idea é esa, pasar a tarde xuntos», contaba na véspera Isabel Penedo Lema, presidenta da asociación de veciños Santiago Apóstol de Sísamo (Carballo). A entidade promoveu para este pasado sábado un magosto no que, obviamente non faltarían as castañas, pero antes diso degustaron un menú integrado por lagostinos e callos. Foi tan boa a resposta, como xa o fora en iniciativas anteriores, que acadaron os 400 comensais, sen contar os colaboradores. «Non sei se nós nos poderemos sentar», ilustraba Isabel. Tamén pensaron en animación para os máis pequenos, e neste apartado optaron por BoNecos, mentres que para a música elixiron o dúo Galán.
Non só houbo magosto en Sísamo o sábado, nin moito menos. Outros puntos de celebración pasaron por Laxe, as Torres do Allo (Zas) ou o Casino de Carballo, iniciativas neste caso ligadas tamén a obradoiros, actuacións de música tradicional, concertos doutros estilos e incluso concurso de sobremesas con castañas.
O outono dá os seus froitos, e estes tiran da xente: para as Xornadas Micolóxicas deste sábado 15 en Vimianzo, por exemplo, xa se esgotaron as prazas.