Comeza novembro e continúa o Samaín na Costa da Morte

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

En Samaín toca... maxia! Espectáculo, onte, na Rego da Balsa de Carballo
En Samaín toca... maxia! Espectáculo, onte, na Rego da Balsa de Carballo ANA GARCÍA

Media ducia de localidades ofrecen celebracións este sábado 1, Día de Todos os Santos

01 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende Carballo ata Fisterra houbo onte múltiples celebracións do Samaín, nuns casos máis lúdicas e noutros con maior reflexión sobre o que este tempo significa no patrimonio identitario galego. Hoxe bota a andar novembro, día 1, Día de Todos os Santos, e continúan esas citas, alén doutras máis relixiosas, como a multitudinaria misa que se agarda ás 17.00 horas no cemiterio de Carballo. No tocante ás propostas de Samaín:

A LarachaTúnel do terror na praza Les Sables d’Olonne. Dúas sesións, unha infantil, para menores de 8 anos (17.00 horas) e outra terrorífica, para maiores desa idade (18.30). Entre as cinco e as oito, ademais, obradoiro de manualidades. Sen inscrición.

CormeDa man da asociación de veciños Eduardo Pondal, inchables e merenda no polideportivo, a partir das 17.00. Pola súa banda, Insua de Viastela programou para as 23.00 horas unha visita ao cemiterio, con saída da Fonte do Campo. Nenos e nenas poden levar a súa propia cabaza.

Fornelos (Baio) • Organizado pola asociación A Fonte de Fornelos, ás 18.00 no local social, taller infantil de doces. Convidan a ir disfrazados. Logo, ás 21.00, celebración do magosto a base de churrasco, castañas, karaoke e festa. É preciso terse inscrito xa.

LaxeEntre as 18.00 e as 22.00 horas, organizado pola área municipal de Comercio, Hostalaría, Turismo e Cultura, túnel do terror no polideportivo. Tamén vestiario de medo, manualidades con cabazas, música terrorífica, meiga do medo e mesas sensoriais adaptadas para nenos e nenas con diversidade funcional.

Con todo, non haberá que agardar ata a tarde para irse internando no ambiente de Samaín. Será posible porque na libraría Risón laxense teñen programada para as 12.00 horas unha sesión de contacontos. Non será a única cita do día neste establecemento, comprometido coa dinamización cultural dende o rural. Así, tamén para este 1 de novembro propón (19.00 horas) unha conferencia a cargo de Xisco Reina: Mis demonios y yo. Como recoñecelos, como aceptalos e como integralos na propia vida.

A Ponte do Porto (Camariñas) • Promove a comisión de festas da Ponte do Porto, coa colaboración do Concello de Camariñas, unha noite de Halloween con concurso de disfraces, baile, música e máis. Tamén premios! Discoteca CDC e DJ Yago Rivas porán a animación. No pavillón.

Tella (Ponteceso) • Promove a asociación cultural e deportiva Campo dos Seixos unha festa de Samaín que botará a andar con bailes e xogos para os máis pequenos (16.30). Ás 19.00 chegará Charly Braun cun espectáculo de maxia e todo iso redondearase con sorteos, rosca, chocolate e petiscos variados.

ANA GARCIA

Vimianzo recibe á Orquestra de Cámara Galega

Hoxe • Fóra do Samaín, tamén hai hoxe na Costa da Morte interesantes paradas, como o concerto da Orquestra de Cámara Galega no auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo: 20.30 horas, 5 euros. Soarán composicións de Handel, Alessandro Marcello, Edvard Grieg ou Rogelio Groba, pai e fillo, segundo avanzaba o director en La Voz. Oportunidade única na Costa da Morte.

Cee • Comezan na Casa da Cultura as 24.ª Xornadas Micolóxicas Costa da Morte, con Pan de Raposo. Saída ao monte con Julio Cabero (10.30) e os seus cans Rany e Kayra, con moito que ensinar na procura de cogomelos. Ás 18.00 ofrecerá el mesmo unha charla: Trufa negra y hongos hipogeos.

Corcubión • Ás 20.00 horas, na Casa da Cultura, comedia ácida e feminista con Camtheam: Veredicto. Humor, reflexión e forza neste Circuíto Galego de Teatro Amador.

Zas • De 19.00 a 22.00, nova sesión de baile para maiores no centro sociocultural, hoxe amenizada polo Trío Digital.