Teatro, un par de documentais para reflexionar ou unha xornada sobre o mar de ardora son as principais propostas deste 30 de outubro
30 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.Xoves 30 de outubro e varidas propostas para entreter a xornada na Costa da Morte:
Carballo • Antes da derradeira función de sala —mañá— e antes da festa de clausura do 1 de novembro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) inclúe para hoxe unha lectura dramatizada de Mal ollo!, por parte da Aula de Teatro Municipal. Será ás 20.00 horas, no Pazo da Cultura, dentro da sección En paralelo do festival.
Cerceda • Nova proxección no auditorio municipal, parte do ciclo Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual: ás 20.00 horas, Prefiro condenarme. Entrada de balde.
Corme • Ás 18.00 horas, na confraría de pescadores, xornada O mar de ardora: ciencia e imaxe na Costa da Morte. Interveñen Yolanda Pazos, licenciada en Bioloxía, e Drewkorme, creador audiovisual.
Oza (Carballo) • Avanzan os Xoves de Filmes da asociación Senda Nova. Hoxe, ás 18.00, no Espazo da Natureza, documental Garantía de vida.
Baio • O ciclo cultural Follas de Outono, programa arredor da literatura organizado polo Concello de Zas, continúa hoxe cunha proposta para escolares. Alumnado do instituto Maximino Romero de Lema de Baio poderá ver ás 11.00 horas a obra de teatro Brazaletes, da compañía Amorodio.
Doutro lado, tamén en Baio, pero no auditorio, outra cita de carácter ben distinto: segunda xornada do seminario práctico para autónomos, comerciantes e hostaleiros sobre Verifactu e factura electrónica. Ás 20.30. Organiza BaiOn.