Oralidade, saúde e maiores, memoria e máis para este xoves de outubro

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Vero Rilo e Atenea García ofrecen hoxe no Casino «Bailen as vellas»
Vero Rilo e Atenea García ofrecen hoxe no Casino «Bailen as vellas»

Xornada intensa na Costa da Morte, con citas destacadas en Carballo, Vimianzo, Caión ou Camariñas

02 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Xoves 2 de outubro e estas citas na Costa da Morte:

Carballo • Comeza a segunda fin de semana do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), hoxe con sesión de Rúa dos Contos no Casino 1889: Bailen as vellas: os contos das cereixas, con Vero Rilo e Atenea García: ás 21.00 horas, espectáculo accesible en lingua de signos. Din da sesión: «Hai contos que se resisten, coma as cereixas, que veñen da man, un detrás do outro, e saben a memoria viva. Botas os contos á boca, rir, emocionar, lembrar e resistir con retranca, poesía e música. Un lugar onde a tradición non é pasado, senón presente que latexa...». Entradas: 5 euros (plataforma ataquilla.com).

VimianzoNa Semana Sénior impulsada dende o Concello inclúese para este xoves pola tarde unha conferencia titulada Saúde, soidade e envellecemento: de 17.00 a 19.00, na Casa da Cultura. Imparten Miguel Ángel Vázquez, doutor en Medicina e Profesor na Universidade de Vigo, e César Bugallo, doutor en Xerontoloxía e profesor na USC.

Carballo • Botarán o peche esta tarde as segundas Xornadas Carballo na memoria. Será cun acto participativo, ás 18.00 nas escolas Agra de Caldas. Baixo o epígrafe Os baños vellos intervirán Luís Alonso, profesor da UDC e investigador; Xan Fraga, historiador, e Olga Seoane, médica do balneario de Carballo. Presenta Luís Giadás. O acceso, como no caso de todas as xornadas anteriores —a última sobre microtoponimia con Marilar Aleixandre— será de balde.

Caión (A Laracha) • Chegou o día. O centro sociocomunitario de Caión acollerá esta tarde, 19.30 horas, a estrea do documental Os oficios tradicionais, iniciativa do Concello dentro do seu programa A memoria da Laracha. Foi producido polo escritor e documentalista Xabier Maceiras e o realizador larachés Raúl Lorenzo. Proxección de acceso libre e tamén gratuíto.

CamariñasNova xornada da campaña de limpeza de praias na Costa da Morte a cargo de usuarios de Íntegro, a través do proxecto Diversiplás. A parada de hoxe será areal e zonas verdes do Ariño (Camariñas): 11.00.