
Rúa dos Contos en Carballo, Onda Bocata Fest, vermús e verbenas, presentacións literarias...
28 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Refrescou o tempo, di a xente pola rúa, e iso xunto coa nova estación en Carballo é sinónimo de Festival Internacional Outono de Teatro. Avanza o FIOT, avanza a Rúa dos Contos, con espazo para as contadas, pero tamén para a maxia: para mostra, a do carballés Álex Louzao este pasado venres no café Colón. Que ten a maxia que tanto engaiola? Como é quen Álex de facer tales cousas con cartas e demais? Nenos e grandes remoen estas preguntas e, mentres, el segue xirando o mundo coa súa paixón. Horas antes de actuar andivo por Radio Voz.

Non moi lonxe do Colón, hoxe ás 20.00 no mercado municipal, intervirán dous grandes entre os grandes da narración: Quico Cadaval e Celso Sanmartín. Veñen con Dous ollos de vidro. Entradas anticipadas na plataforma ataquilla.com. A maiores, o domingo tamén trae todo isto:
Onda Bocata Fest en Razo (Carballo) • Derradeira oportunidade para achegarse a probar estes bocatas de Pan de Carballo e produto local servidos dende nove establecementos do municipio. Entre as 12.30 as 17.00, co engadido dunha cata de vermú ás 13.00 e o DJ Misa, tamén á unha (intervención adiada onte polo tempo).
Exposición en Garabato (Carballo) • Inauguración, ás 13.30, da mostra Incógnitos, de Loli España e Jesús Artextasis: pictórica, fotográfica, escultórica e mesmo performática. Na previa da apertura, ás 13.00, a música de Susana de Lorenzo.
Estrea de murais en Caión (A Laracha) • Ás 11.30 serán presentados os dous novos murais urbanos feitos nas últimas semanas.
Galaxia literaria no hotel Bela Fisterra • Moderados por Concha Blanco, presentarán as súas obras Fernando Castro Paredes e Samuel L. París: O lanzador de coitelos e O tenro é o salvaxe, respectivamente. Ás 12.00.
Festas varias • San Miguel en Treos, Vimianzo, con vermú co dúo Show. En Vivente (Ardaña, Carballo) teñen a romaría dos Remedios: vermú co Dúo Platino. No Esto (Cabana), primeira feira de segunda man e artesanía (12.00), pulpeira, vermú con Atempo e verbena con Metrópolis. Tamén é San Miguel en Muxía: Xaramiños, O Rumbo, CDC e dúo Delfín.
Festival Canduas é música (Cabana) • Ás 18.00, na casa cultural, promovido pola coral San Martín. Máis de media ducia de actuacións.
Observación de aves en Ponteceso • Promove o Concello: de 10.00 a 13.00, con saída da Praza do Recheo.