Microrrelatos en galego e xa con premio

P. B. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O Abaladoiro | Tres plumas da Costa da Morte forman parte do podio do concurso de RAG e PuntoGal

18 jul 2025 . Actualizado á 19:34 h.

A Fundación Luís Seoane acolleu este venres a entrega de premios da oitava edición do concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal. «Unha festa da palabra» que tivo entre algúns dos seus protagonistas a plumas ligadas á Costa da Morte. Tal é o caso, na categoría de adultos, de Rebeca Lema Martínez, con raíces en Laxe, ou da finalista Marisa Vidal Collazo, natural de Corme. Elas escribiron Tan duro e Seur, respectivamente. Na categoría infantil, mereceu o primeiro posto Ana López Canosa, alumna do CEIP Zalaeta coruñés, mais con raíz en Cee, filla de María Canosa e neta de Concha Blanco. A tesoureira da RAG, María López-Sández, e o presidente do PuntoGal, o tamén académico Manuel González, presidiron a entrega de diplomas e galardóns, distincións a nove microrrelatos. Tamén entre os membros do xurado houbo representación da Costa da Morte, tal é o caso do académico correspondente Xosé María Lema Suárez, de Bamiro, quen formou parte do xurado das categorías infantil e xuvenil. «En galego pode contarse o mundo enteiro, a calquera idade», lembrou a RAG.