A última páxina da Praza dos Libros de Carballo, hoxe

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Presentación da obra «As tolas que non o eran», de Carme V. Valiña
Presentación da obra «As tolas que non o eran», de Carme V. Valiña BASILIO BELLO

Moita e da mellor literatura, maxia, circo e pan con selo: así vén a derradeira xornada

13 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Son unha feliz nova as ringleiras que os autores que están a pasar pola Praza dos Libros de Carballo teñen ante eles para asinar exemplares. A Plic!, esta feira de creatividade cultural que tamén inclúe outras disciplinas alén da literatura, dende a música á regueifa ou a maxia, encara hoxe a súa despedida. Farao logo dun sábado de movemento, de valoracións positivas, e de sabor comarcal, e farao ademais con autores cuxos nomes están entre as obras máis vendidas estes días.

É o caso de Pedro Feijoo con Onde nacen as bestas, que dará a coñecer hoxe ás 12.00 horas na compaña de Rober Cagiao, outra pluma da novela negra que destaca nas vendas con A dama de Anboto. Como xa é tradición en domingo, durante toda a mañá de Un libro, un pan, entregarase un pequeno moletiño de pan de Carballo con cada obra que se adquira nalgunha das oito librarías que participan, e que abrirán de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00, cun remate non obstante previsto para as 21.00.

Na programación desta derradeira xornada na ágora comercial e cultural de Carballo figuran asemade o concerto de Mirando Flores en horario de sesión vermú (13.00 horas); un espectáculo circense a cargo de Dani Blanco (18.30); a sinatura de exemplares de Do A ao X de Víctor Cebey (19.00) e de Detective Ferruchi, de Marta Villar (19.00); a presentación do libro Tamarindo, de Xabier Queipo, acompañado por Xurxo Borrazás (20.00); a sinatura de A dama de Anboto por parte de Rober Cagiao (20.00), e a sinatura tamén de A toponimia dos celtas brigantinos e doutros pobos da Gallaecia, de Cabeza Quiles (20.00 horas).

Raúl Herrera e Xosé Antonio Andrade, onte, durante a súa firma de libros
Raúl Herrera e Xosé Antonio Andrade, onte, durante a súa firma de libros BASILIO BELLO

Xa pasaba ben das dez da noite cando Xosé Manuel e Icía Varela firmaban este sábado exemplares do állbum ilustrado Pandeireteiras, do que outra das patas é a cullerdense Nerea Gómez Barros, graduada en Belas Artes e docente. Previamente, abundaron polo miúdo, cantigas incluídas na voz de Icía e do público presente, nas traxectorias e importancia das figuras de Rosa e Adolfina Casás, Eva Castiñeira e as Pandeireteiras de Mens, homenaxeadas este ano coas Letras Galegas. Remataron os presentes entoando Rompeu a chiculateira, melodía por moitos coñecida, máis por poucos sabido que vén da muxiá Eva Castiñeira, da súa Dansa, da tradición de Agranzón, Ozón, Muxía. Como curiosidade, e sen que foso óbice para a lectura de cantigas en galego, había entre os asistentes pandeireteiras de Alcorcón.

Xosé Manuel Varela, Icía Varela e Nerea Gómez, autores de «Pandeireteiras», na compaña da xornalista Patricia Blanco
Xosé Manuel Varela, Icía Varela e Nerea Gómez, autores de «Pandeireteiras», na compaña da xornalista Patricia Blanco BASILIO BELLO

Magnífico colofón a unha recta final da tarde iniciada no ámbito das presentacións por Carmen V. Valiña, autora de As tolas que non o eran, acto no que estivo acompañada por Juan Carlos Díaz del Valle e no que non faltaron as preguntas logo de expoñerse historias protagonistas e outras cuestións polo camiño, caso das mudanzas na linguaxe.