O Couto prepárase para un novo milagre: desvelado o cartel das Festiletras
CARBALLO

Baiuca, Fran Sieira, Ortiga, De Ninghures, Caamaño&Ameixeiras... As entradas, xa á venda
04 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«As Festiletras naceron na aldea do Couto en 1982 como un espazo para todos, un reflexo da nosa tradición cultural. Dende os seus inicios, propuxémonos construír un espazo con capacidade para acoller e dar conta da cultura galega como un dos valores fundamentais. Traballamos para garantir, a persoas de todas as idades, unha experiencia positiva e enriquecedora». Con esta reflexión presentaron onte, dende a organización, o cartel completo dunha nova edición das Festiletras, que encherán O Couto de cultura os días 23 e 24 de agosto.
«Unha das tarefas da que sentimos máis responsables dende a organización é a de actuar como unha gran xanela á cultura tanto presente como emerxente. Un valor singular que define a filosofía do festival e que logrou xerar un público comprometido co noso proxecto e co apoio a novas propostas culturais. Unha aldea singular da Costa da Morte que festexa corenta e tres anos de artes, de letras e de vida», engaden dende a organización, avanzando o seguinte cartel:
Sábado 23 · De Ninghures, Dulzaro, Os artesáns do vento, Caamaño&Ameixeiras, Carlos Blanco, Zetak, Eris Mackenzie, Pan de millo, Ronsel de sabores, Willow Ghz, Aldeas singulares, Pulpiño Viascón, artesanía, Vero Rilo, Rompecintures Selektor, Os Faíscas da Pontagra e A Requinta de Lampai.
Domingo 24 · Baiuca, Fran Sieira, Mamá Cabra, Ortiga, Abril, Escuchando elefantes, Boyanka Kostova, karaoke con Esteban, Ronsel de sabores, Os Farrapos de Cesullas, Paco Nogueiras, Fillas das mareas, Donaire, Pasacabanotes, artesanía, Os artesáns do vento e xogos infantís.
A organización puxo á venda, a través de Ataquilla, varios modelos de entradas: abonos de dous días a 25 euros (vendidos ao 70 %) e tiques para un só día 15 euros (anticipado) ou 18 (na billeteira).