
Inaugurada nas Torres do Allo, e na presenza dalgúns dos familiares, a nova exposición temporal «Os Riobóo, a saga do Allo»
03 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Os Riobóo, a saga do Allo é o título da nova exposición temporal que dende onte se pode visitar nas Torres do Allo. Unha mostra que repasa a historia da familia que durante séculos, e mesmo ata o momento actual, estivo vinculada ao pazo zasense.
Na presenza de dous dos derradeiros descendentes desa liñaxe —Rafael López-Riobóo, pai e fillo— así como doutros membros da familia, inaugurouse onte a exposición. O alcalde, Manuel Muíño, sinalou que a mostra se impulsou para afondar na historia do pazo, pero tamén para homenaxear a esa familia «sempre disposta a colaborar con nós, en todo o que se lles pide», dixo. Poderase visitar canto menos durante todo o verán.
Rafael López-Riobóo, fillo, explicou que nos distintos paneis se recollen as orixes das Torres, a vinculación dos Riobóo con outras familias da zona, as distintas propiedades que tiveron, un testamento do 1561 que demostra a vinculación co pazo, a historia da capela na cal están enterrados varios deses primeiros Riobóo, as ampliacións levadas a cabo ou, tamén, os momentos de decadencia.

Tamén contou que, mesmo despois de que seu avó e os seus irmáns vendesen a propiedade á Deputación, a vinculación da familia coa zona proseguiu, pois seguen a ser os donos de moitos dos terreos que arrodean o edificio, terreos que continúan traballando a día de hoxe.