As vilas

CARBALLO

30 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegan estas datas e é cando máis se goza do que é o día a día nun pobo. Sacar aos cans polo bosque incluso á tardiña ou pasear de noite polo porto para ver as descargas de sardiña dos barcos. É cando vivir nunha pequena vila cobra a dimensión que verdadeiramente ten: a de liberdade, a de tranquilidade. Ese é un dos motivos polos que ben seguro moitos dos visitantes que recibe a Costa da Morte estes meses escollen este destino para as vacacións estivais, se ben, para os que somos de aquí, é algo que valoramos o resto do ano. Nin por todos os cartos do mundo cambiaría de sitio para vivir. Cousa distinta serían as circunstancias persoais ou por traballo. Hai concellos que van a máis, e outros, en cambio, a menos. Nun momento no que vivimos a cabalo entre o crecemento do turismo e a falta de relevo en oficios tan esenciais como a pesca, por citar algún exemplo, nos pobos e nas aldeas vólvese imprescindible atender a outros problemas que non son alleos aos anteriores.

Comentaba o outro día unha panadeira que se fala de despoboación, pero faltan axudas para aquelas pequenas empresas que levan produtos esenciais aos recunchos aos que as tendas físicas non chegan, merézalles a pena ou non (o euro que custa a barra de pan e, que en días contados, ás veces, nin a demandan nalgúns fogares, pero o reparto vai e ofrece o seu servizo). Un hostaleiro tamén destacaba na noite de San Xoán esa repetida frase de que se fala da despoboación, pero «la gente quiere venir a trabajar y no tiene donde vivir». E poñía o seu exemplo: «Yo para aguantar del piso en el que estuve me vi negro». Son problemas aos que hai que prestar atención dunha vez por todas.