San Xoán

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

BASILIO BELLO

27 jun 2025 . Actualizado a las 09:44 h.

Durante bastantes anos acompañaba a miña bisavoa, e menos tempo a miña avoa, a buscar as herbas e flores para o San Xoán. Agora non o facemos coma antes, pero este 23 si quixen percorrer as beiras dos camiños de sempre (ao lado de casa) nas que nacen, coma nacían antes, loureiros, bieiteiros, fiúnchos e romeus, e tamén o cornecho no que seguen as nébedas e a ruda, e o cacho de silveira no que cada ano, sen excepción, brotan esas rosas pequenas que disque son feas, pero esa é unha gran mentira. Nese percorrido de sempre había moito de realidade dentro da ficción. Se sempre se dixera que había que poñer todo iso polas voltas da casa e dos cabanotes para protexelas do mal, quen era eu para dubidalo? Claro que era para iso! Máis que superstición, que algo tamén, era manter o fío de tradicións encanadas seguramente durante centos de anos, sen interrupción, e iso supoñía un privilexio que intuía, pero nunca valoraba o suficiente. E a cachela: pequena e suficiente para espantar o perigo.

Mudou todo iso, onde vai xa. Agora vexo postureo, escusa para pasalo ben e ás veces descoidando o mínimo do costume (non se pode aproveitar o 23 para queimar o que sobra para evitar o punto limpo). Xa nin se coñecen os nomes das herbas nin a súa función. Ninguén os ensina, a ninguén lle importa. Comer e beber, e se estás nunha praia, lume por todo e plástico no chan. O paso dos tempo ten efectos negativos no que tanto durou, e é a nosa xeración a que ten que aturar estes cambios, pero non hai a quen lle importe e, peor aínda, a maioría non se decatan. Ollo coas soberbias: a ver se dentro dun anos temos a volver a tornar de todo iso que non existe.