A Banda da Loba, cachelas e outras citas este sábado na Costa da Morte 

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

soninha

Axenda diaria | Sen plan para este 21 de xuño? Aquí, unha boa mostra de todo o que ofrece a comarca

21 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • A maiores do San Xoán de Carballo (ver programa aquí) ou das festas de Malpica (ver aquí) moitas outras citas este sábado 21 de xuño na Costa da Morte. A destacar: 

Concerto da Banda da Loba • CeeÁs 22.00 horas, no auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura, un xeito de festexar o Día Europeo da Música en colaboración coa Deputación. Estas lobas reapareceron no 2025 cun novo traballo, Lovismo. Bachata, pop, música disco, literatura, compromiso, reivindicación, fusión de músicas... Son Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria do Cabo (guitarra). Chega a última no lugar de Inés Mirás.

As primeiras cachelas e lumaradas • Entidade Rapacollón’s Big Band e Concello de Fisterra recuperan hoxe unha tradición perdida hai anos, e fano con dobre proposta: por un lado, a estrea da obra O piollo verde, da Escola de Teatro Municipal, con pases ás 18.00 e 20.00 horas no salón de plenos, e, por outro, cunha lumarada posterior na zona do varadoiro, conxuro e queimada a cargo de Roberto Traba. Haberá foliada aberta, sardiñas e servizo de barra a prezos populares. Farán cachela asemade en Fornelos (Baio), promovida pola entidade veciñal A Fonte: a partir das 21.00, sardiñas, churrasco, sobremesas...

Festa Orgullo • CamelleCuarta edición a desta Festa Orgullo do bar O Estanco de Camelle: desfile de carroza ás 21.00 horas, lanzamento de bolsos ás 22.00 e carreira de tacóns ás 23.00.

Aniversario con ioga • O complexo turístico Espazo Nature está a festexar o seu primeiro aniversario cunha intensa axenda de actividades. Para hoxe, de 10.00 a 13.00, programaron unha experiencia de ioga con Xiao Hong: 35 euros por persoa.

Gravación de pódcast • No cámping Lago-Mar de Muxía, ás 11.00, con representantes do Asalto ao Castelo, a Carballeira e as Festiletras. As rapazas deste Faiado Podcast gravarán episodio arredor de música e de festivais.

O equipo do pódcast «O Faiado».
O equipo do pódcast «O Faiado».

Obradoiro de artesanía • No castelo de Vimianzo, ás 17.00 horas, botan a andar os obradoiros parellos á Mostra de Artesanía en Vivo. O de hoxe correrá a cargo da Asociación de Amigos do Liño. Será un achegamento a todo o ciclo que precisa o material.

Clausuras de curso • A asociación Adro de Baio despide un curso de música, aprendizaxe e convivencia: festival de clausura ás 19.30 no polideportivo. Tamén farán festival de fin de curso As Abaladeiras de Muxía, ás 18.30 na praza Cabo da Vila, este ano coa participación especial dos Xaramiños do Corpiño.

Festas de sesión vermú e verbena • Varias localidades • Botan a andar as celebracións de Santa Baia de Castro, Coristanco, con misa ás 13.00 e a orquestra Alianza tanto a mediodía como á noite. Neste mesmo municipio haberá Festa Popular con churrasco e polbo en Xaviña, amenizada por Platino e con entretementos como toro mecánico, inchables ou xogos populares, todo completado por unha xuntanza cabalar. Nada menos que á París de Noia terán en Brens, Cee, para festexar o Corpus. Será pola noite, nunha verbena acompañada por Judith Cundíns e La Mega CDC.

No municipio da Laracha, terán festa en Paiosaco, hoxe con vermú a cargo de Elebé e verbena con Bomba, DJ David Bermúdez e Groove Amigos.

Chega o verán e con el tamén a festa a Baldaio, en Carballo. A comisión de festas de Noicela ten preparadas celebracións para hoxe e mañá, no Campo do Rapadoiro. Comezarán este sábado con misa ás 13.00 e macrosesión vermú posterior. La Bamba e discoteca móbil Fabrik, con DJ Rakso, encargaranse da música, tamén na verbena. Non faltarán tampouco gaiteiros.

Misa ás 13.00, grupo Dilema e Festa da Infancia serán as citas de mañá, con procesión que irá ata o cruceiro de Casadelas, engalanado para a ocasión con alfombras florais e cun «vestido» conservado na súa integridade, algo case único e exclusivo en Galicia, din dende a comisión. «Entre todos tratamos de manter as tradicións», explican tamén.