Voz para o traballo feminino do XVIII na Costa da Morte

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Víctor Castiñeira, historiador ceense, interveu na Reunión Científica da Fundación Española de Historia Moderna

13 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A Costa da Morte estivo presente na XVIII Reunión Científica da Fundación Española de Historia Moderna, organizada pola Universidade da Coruña entre o mércores e hoxe, un encontro internacional desenvolvido no campus de Ferrol baixo o lema Outras miradas, e con dúas seccións, As mulleres na Idade Moderna Hispánica e Os estranxeiros e a España da Idade Moderna.

Máis de 200 investigadores da península, Centro Europa e Sudamérica presentan nesta reunión as súas investigacións, e a presenza da Costa da Morte achegouna Víctor Castiñeira, técnico de xestión cultural do Concello de Cee e historiador. Presentou a comunicación Os fogares e o traballo feminino en cinco vilas da Costa da Morte a finais do século XVIII (1753-1790). Víctor, que actualmente cursa estudos na Universidade de Vigo, dentro do Programa de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural das Universidades da Coruña, Santiago e Vigo, centrou a súa intervención en Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía e Camariñas, vilas predominantemente pesqueiras, pero nas que os encaixes tiveron un papel «destacado».