A Copa da Costa

Antón Lestón
Antón Lestón A REDONDA

CARBALLO

BASILIO BELLO

04 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Din os americanos, tan pouco egocéntricos como en eles é habitual, que non hai palabras máis bonitas no deporte que as dúas que forman «Game Seven», ese partido definitivo ao que poden chegar as fináis a sete encontros que teñen na NBA. Eu, que sou un profundo amante da súa estrutura deportiva e afeccionado da liga de baloncesto dende hai vinte anos, non podo estar máis en desacordo. Nesta esquiniña do país, as palabras que fan ferver o sangue de todo deportista e, sobre todo, dos futboleiros, son tres: Copa da Costa.

Recoñezo que teño moitas ganas de ver se Indiana é capaz de sublevarse tamén contra Oklahoma, pero nada ten que ver co interés que espertan en min os partidos deste domingo. Que si, que Haliburton e Shai teñen as súas cousas, pero que non son nin Diego Estévez, nin Patri Romaní, nin Manu Nogueira, nin Paula Fandiño.

O San Paio de Refoxos, casa do equipo máis laureado na Copa da Costa, é o lugar máis axeitado de toda a zona para albergar unha cita destas características, por dimensións e espazo. E alí van disputar Muxía e Dumbría os partidos máis esperados de cada ano na Costa da Morte. Non hai máis que ir ver un deses encontros que se teñen que xogar entre semana. Nesta edición pasou no Platas Reinoso e na Arliña, e en ambos casos, martes ás 20.30 horas, estaban as gradas cheas ata os topes.

No masculino, ten o Muxía o reto de lograr o seu primeiro trofeo 59 anos despois de xogar a súa única final. O Dumbría quere repetir a coroa e completar un doblete histórico trala liga. No feminino, están ambos clubes por estrearse. Non hai competición máis fermosa que a Copa da Costa.