Carballo concentra miradas na véspera das Letras Galegas

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Ramón Varela, concelleiro de Mocidade, traballando na posta a punto da exposición
Ramón Varela, concelleiro de Mocidade, traballando na posta a punto da exposición ANA GARCÍA

A inauguración da exposición «Letras Cantadas» será hoxe, ao igual que o concerto do Consello da Cultura Galega. En Cerceda colocarán placas na memoria de Rosa e Adolfina Casás 

16 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Cerceda, cun acto de memoria a Rosa e Adolfina Casás Rama; Vimianzo, cun espectáculo teatral que chega dende o outro lado do Atlántico, Galego; e Carballo, con dúas senlleiras propostas, acollerán hoxe algúns dos actos máis destacados na véspera das Letras Galegas.

No caso da capital de Bergantiños, ambos encontros serán pola tarde. Un, o Concerto das Letras do Consello da Cultura Galega —ver máis abaixo— e, outro, a inauguración da exposición Letras Cantadas, nas Escolas Agra de Caldas. Unha mostra organizada polas concellerías de Mocidade, Normalización Lingüística e Cultura, coa colaboración das entidades San Campio, Nemeth, Alprende, Arume e ADCR Baldaio. O acto será ás 18.00 horas, con entrada libre. É o tributo do Concello ás cantareiras máis emblemáticas do municipio, así como ao asociacionismo e á literatura oral. Quedará instalada ata o 1 de xullo, e haberá opción de visitala tamén mañá, 17 de maio.

O concerto do CCG esgota entradas

Hoxe • Xa hai uns cantos días que non quedan entradas para o Concerto das Letras do Consello da Cultura Galega. Será esta tarde, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura de Carballo, cun auditorio de 350 prazas totalmente esgotadas. Aínda así, a cita poderá seguirse en streaming a través da páxina web do CCG (consellodacultura.gal) e tamén o propio Día das Letras Galegas, na canle G2. Comparsas, xotas, pasodobres e cantos tradicionais conforman o programa do que será a 15.ª edición deste Concerto das Letras Galegas. Reunirá a 11 artistas procedentes da música tradicional, a música popular e a moderna, unha conxunción coordinada por Richi Casás. Un concerto único e unha banda que tamén o será, Do Bertau, unha agrupación efémera creada expresamente para a ocasión e que revisitará o tradicional dende o contemporáneo, dende, por exemplo, a mirada do jazz. Unha viaxe por Galicia e o tempo coas pandeireteiras Bouba (Carme, Maca e Uxía), Tanea, Yudith Almeida, Álvaro Trillo, Fran Trashorras, Javier Pereiro, Marcos Cives, José Luís Miranda e o propio Richi Casás ao saxo alto.

Rosa e Adolfina, por Dorothé Schubarth, ano 1980 / APOI / MUSEO DO POBO GALEGO
Rosa e Adolfina, por Dorothé Schubarth, ano 1980 / APOI / MUSEO DO POBO GALEGO DOROTHÉ SCHUBARTH / APOI / MUSEO DO POBO GALEGO

Placas para Rosa e Adolfina Casás e outras citas para hoxe

Será hoxe un día especial en Cerceda, un dos epicentros das Letras Galegas 2025. Na Vila da Igrexa, ás 18.00 horas, colocaranse placas nas vivendas natais de Rosa e Adolfina Casás, dúas das homenaxeadas. Ás 19.00, no auditorio, representarase As ferreñas.

Vimianzo • Un espectáculo único, Galego, dos arxentinos Gabriel Fernández e Julio Molina: 20.30 horas, no auditorio.

Paiosaco e A LarachaO programa municipal das Letras inclúe hoxe tres citas. Unha, ás 18.00, na biblioteca de Paiosaco, narración oral con Polo Correo do Vento, para nenos a partir de tres anos: Cantareiras. Ás 22.00, na praza Les Sables d’Olonne, concerto de Ailá e Cantigas e Agarimos. Tamén hoxe, ás 20.30 na Casa da Cultura, o grupo de teatro infantil clausura curso con Escola de bruxas.

CamariñasÁs 11.00, na biblioteca, contacontos Estás como unha cabra, por Noelia Porto, para nenos de infantil.

BaioMiguel Santamaría, Olalla Trigo, Sara García ou Agostiño Iglesias serán os convidados de hoxe na Semana Cultural do instituto baiés. Ás 12.45 estará García MC en concerto, actuación incluída tamén na programación municipal.

CorcubiónNa Casa da Cultura, Cantando con pinocho, ás 17.30, para público miúdo. Ás 19.30, presentación do libro Maxicamente vella, eternamente nova, de Carlos Callón.

MuxíaNo Albergue Bela Muxía, ás 19.00, presentación do proxecto da Universidade Popular De Rosalía ás cantareiras, coa actuación de As Xaviñanas e As Rinchonas. No cámping Lago-Mar, semifinal do Concurso de Monólogos: 21.00 horas.

CoristancoNa biblioteca, ás 20.00, presentación de La ruta de Eulogio, de Sandra Aldao.