
A Carballo e Vimianzo chegarán recoñecidas propostas, e en Cee e Malpica haberá máis oferta ao longo deste mes e incluso ata xuño
15 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O teatro está moi presente nas programacións da Costa da Morte ao longo de todo o ano. Coincidindo coa efeméride das Letras Galegas, concellos e entidades achegarán propostas vinculadas á terra, á identidade e ao galego, con referencias ás cantareiras e á poesía popular oral, protagonistas do 17 de maio do 2025. Neste sentido, no que á oferta para adultos se refire, destaca a peza Fillas bravas de Momán 2025, do premiado Grupo Chévere. Será hoxe mesmo no Pazo da Cultura de Carballo ás 20.30 horas. Contará con adaptación á linguaxe de signos.
Son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai. Viven en Momán, unha aldea que representa a todas as aldeas e na que todo é posible. En escena estarán Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar. Chusa Pérez de Vallejo e Bea Noya García farán á adaptación especial en directo á lingua de signos.
Dende Bos Aires
Dende o outro lado do charco chegará mañá, sábado, o espectáculo Galego, de Gabriel Fernández e Julio Molina, dous actores de longo percorrido. Terá lugar no auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo ás 20.30. Trátase dunha obra que foi declarada de interese cultural pola cidade de Bos Aires. Nela relátase a historia dun home maior, migrante, que desprega a súa memoria nun presente que o interpela. A súa relación co seu lugar de orixe e co construído na terra que o acolleu mestúranse nun galego «entreporteñado» sen perder o seu acento. Outras representacións haberá este mes en Carballo e Vimianzo.

De cantos e de mares: a voltas cos libros
As presentacións literarias co gallo do Día das Letras Galegas teñen como protagonistas principais ás cantareiras, pero non son as únicas. O artista e mariñeiro Xosé Iglesias estará o sábado, ás 12 do mediodía no Mercado Cultural de Fisterra, e ás 19.30 horas, na biblioteca pública Francisco Mayán de Cee. Vai dar a coñecer o libro ilustrado Nao cetácea, que inclúe un prólogo de Francisco Fernández Naval e un poema, A foxa atlántica, de Manuel Rivas. «É un achegamento visual, poético e narrativo aos nosos mares». Ese pode ser un resumo desta publicación que contén 61 acuarelas á cor do propio artista.
As cancións populares e as coplas e as mulleres que as recolleron, gardaron e transmitiron son o asunto central das Letras Galegas deste ano, polo que a presentación dos libros dedicados a este tema está programada en varios concellos da Costa da Morte. As vellas de Mens, de José Manuel Fernández Pensado, darase a coñecer ao público o día 24 na igrexa parroquial de Santiago. Será ás 17.30 horas. Esta publicación xa se presentou no Salón do Voluntariado de Muxía, o pasado sábado. Ese mesmo día, os malpicáns Xosé Manuel Varela e Icía Varela estiveron tamén alí con Cantareiras. O domingo acudirán os dous ao local social da parroquia de Cances, en Carballo. O acto será ás 18.00 horas. En Malpica Xabier Díaz vai levar o 7 de xuño o seu Cancioneiro Galego Serodio, co que tamén estivo en Vimianzo e Carballo. O día 14 será o turno de Somos pandereteiras, en Buño.
Percorrido por Muxía para lembrar a López Abente
O do sábado 17 de maio será o primeiro acto da Fundación López Abente desde a recuperación da súa actividade. Despois da ofrenda floral na escultura dedicada ao autor de Muxía comezará un percorrido longo, con moitas paradas, onde os participantes poderán coñecer máis sobre o poeta e sobre o pobo. Todo comezará ás 11.00 horas. Haberá intervencións institucionais e de Suso Sambade.
A primeira parada será onde estaba a casa que aloxou a Rosalía de Castro cando foi á romaría da Barca en 1853. Alí hai unha placa e en lembranza recitarán un poema que lle dedicou á poeta. Chegará o grupo despois á praza da Constitución, onde estaba o Concello, a casa onde viviu. Ese era o centro de Muxía daquela.
Enfilarán cara a igrexa parroquial e pararán no cruceiro que López Abente lembraba que vía cando era neno e que cita nunha carta a un primo.
Pasarán despois por Santa María bordeando o paseo da Barca, ata a furna da Rechinola, á que tamén lle dedicou un poema. Despois subirán ata o monte Corpiño onde darán unha volta polo camiño da pel e chegarán despois ao Coído.
En total, explica Xan Fernández Carrera, van ser unhas dez paradas o que vai facer que o percorrido sexa de entorno a dúas horas. Ademais de coñecer a vida e a obra de López Abente, os participantes saberán máis da historia de Muxía. Participarán tamén a técnica de Cultura, á que xa lle remitiron os poemas e a idea é que os rapaces que participen nas actividades da biblioteca sexan os que lean os poemas, aínda que tamén poden ser adultos.