«Fillas bravas de Momán 2025»: hoxe, en Carballo, tamén en lingua de signos

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

A axenda deste 15 de maio trae ademais un encontro en Baio con cantareiras e outras citas

15 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 20.30 horas • En Carballo, no municipio do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), nunca falta a dramaturxia. Tampouco nas Letras Galegas. Hoxe, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, poderá o público gozar do espectáculo Fillas bravas de Momán 2025, da prestixiosa compañía Chévere. Dez anos levan estas fillas bravas espallando polo país as voces da tradición, pero máis aínda o farán este ano. As actrices Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar encarnan sobre o escenario a tres mulleres que tocan e bailan o que lles peta, como antes fixeron súa nai ou súa avoa, «porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira». Viven en Momán, unha aldea que podería ser calquera, e dende alí chegan «berros emancipadores» e «cantos de rebeldía insospeitados». Elas, mulleres vitais na construción «dunha memoria e dunha identidade colectiva». Son xa 35 anos de traballo os que Chévere ten ás súas costas, unha compañía Premio Nacional de Teatro no 2014 que conserva a Miguel de Lira, Xesús Ron e Patricia de Lorenzo como núcleo artístico estable. Cabe sinalar a especificidade da cita desta tarde en Carballo, toda vez que a peza contará con adaptación especial en directo á lingua de signos, coa presenza de Chusa Pérez e Bea Noya. As entradas para Fillas bravas de Momán 2025 custan cinco euros —tres con desconto para menores de 18 anos, maiores de 60 e estudantes—, accesibles en billeteira.carballo.gal ou ben no Pazo dende as 19.00 horas.

Tres cantareiras de Zas en conversa con alumnos de Baio

Hoxe • As Letras Galegas deste 2025 non só levaron a poñer os ollos nas sete mulleres homenaxeadas, senón tamén no patrimonio propio, nas cantareiras e pandeireteiras de cada lugar. Neste sentido, acolle hoxe o instituto Maximino Romero de Lema de Baio dentro da súa 19.ª Semana Cultural un interesante encontro (10.45). Nel, por un lado, tomarán parte alumnos de terceiro da ESO, primeiro de bacharelato e Formación Básica. Polo outro, tres cantareiras do municipio: Manuela Ángela Tomé, María Souto e María Silva Suárez. Durante a xornada tamén pasarán outros convidados polo centro, caso de Candela Lema, para falar de ganchillo e reciclaxe, ou de Agostiño Iglesias e Adrián López. O primeiro falará cos estudantes de fotografía o segundo de traballo e futuro.

Outras citas coas Letras para este 15 de maio

Ademais das citas culturais en Carballo e Baio—ver arriba—, estas outras para hoxe, xoves 15:

DumbríaAvanzará nesta xornada o programa Maio das Letras deseñado dende o Concello. Escolares do municipio acudirán ás 10.30 horas ao espectáculo Os Descontacontos, a cargo da compañía Galitoon.

CeeÁs 11.30, na Casa da Cultura, espectáculo para alumnado de primaria: Dende Rosalía ás cantareiras, con A Xanela do Maxín. Ao remate, entrega de premios dos concursos Achegamento ao libro e Na procura do noso marcapáxinas, da biblioteca Francisco Mayán.

A LarachaNa Casa da Cultura, ás 19.00 horas, contacontos con Bandullo azul: Os contos do gato, para nenos a partir de tres anos.

O Couto (Ponteceso) • Maio florido, segunda xornada do proxecto O Couto Florido, das fundacións Juana de Vega e Pondal. Entre as 11.00 e as 13.30, obradoiros e conclusións da xornada levada a cabo no mes de marzo. De 15.30 a 19.30, plantación de flores e sementes en espazos habilitados na aldea.

Carballo • No salón de actos do Conservatorio, ás 17.00, audición de frauta.

CamariñasNa biblioteca municipal, este xoves, dobre cita cos contos. Por un lado, ás 12.30, Caixa, caixiña, caixón, de Andamiaxe, unha sesión de narración oral e taller para nenos de 6 a 10 anos. Tamén con Andamiaxe, ás 17.30, espectáculo Carme, a cantareira.