Insultos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

BASILIO BELLO

12 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Falaban este sábado, nas páxinas de Deportes da Voz, tres árbitros e dúas árbitras da Costa, todos de fútbol de diversas categorías, do que parece o eterno problema deste colectivo: a violencia verbal, que ás veces (por sorte, moi poucas) pasa á física. E tamén noutros deportes, naturalmente. Dos insultos á forza, amparada xeralmente polo grupo. As súas reflexións son acertadas e necesarias, tanto as dos veteranos como das máis novas. Serven para sacar á luz un tema enquistado, e oculto para a xente que non vai moito polos campos de fútbol. Ou, que se vai, fai que non escoita nada ou non lle dá importancia. Recomendo, ademais de ler o artigo, ollar o vídeo na web da Voz.

A min tocoume ver moitos partidos, en numerosos campos, do ciclo completo do fútbol antes do que podemos chamar máis profesional. Esa base que vai dende os cinco anos ata o terceiro ano de xuvenil, ca con 19. Moito tempo coa base, ademais de, en numerosas ocasións, asistir a encontros de categorías ben variadas. E nunca fun capaz de acostumarme aos berros aos árbitros, por moito que se equivocasen, porque todos erramos. Pensaba iso antes e máis o penso agora, que vou sabendo do que pasa por vías moi directas. Escoitas auténticas barbaridades, que lanzan con total normalidade e de vez en cando co asentimento ou silencio dos que están ao lado. E estou convencido de que, ao final, máis que por ser cousa do fútbol, é por tratarse de xente maleducada en xeral, en todas as ordes da vida, e esa é só unha manifestación máis. Mesmo territorial: ou non sabemos todos que hai certos campos e afeccións que son terribles?