Letras Galegas e ruadas, solidariedade, xuntanzas e máis para hoxe na Costa da Morte

CARBALLO

En Berdillo renden homenaxe ás tocadoras da parroquia e en Muxía viaxarán aos tempos de Eva Castiñeira e as Vellas de Mens
10 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Sábado con importantes citas na conmemoración das Letras Galegas na Costa da Morte. Baixo a organización de Muxía Cultural, o Salón do Voluntario desta localidade acollerá ás 19.00 horas a mesa redonda De Eva ás Vellas de Mens, coas presentacións dos libros Cantareiras, de Xosé Manuel e Icía Varela, e As Vellas de Mens, de José Manuel Fernández Pensado, presidente de honra da agrupación Aturuxo. Publicado este último recentemente baixo o selo de Galaxia, será a de Muxía primeira vez que se presente a obra nesta comarca.
En Berdillo (Carballo), as asociacións cultural e xuvenil Arume renderán esta mesma tarde a súa particular homenaxe ás mulleres tocadoras da parroquia, como foron Melia de Bardanca, Consuelo dos Queixos, Jesusa de Serrano, María García, Clarisa e Pepa de Esmorís, Ermitas de Lola, Manuela e Generosa de Mallo, Dosinda de Fontes ou Susa de Mighel. Farano cunha Ruada das Cereixas no Moucho, ás 18.30 horas, o coñecido hai anos como Xardín das Cereixas: é onde no seu tempo había ruadas á luz do carburo logo de remataren os traballos do campo, xuntanzas que continúan na memoria. Actuarán todos os grupos de Arume, festexando deste xeito a todas aquelas que, á vez que deleitaron os veciños co seu tocar ou as súas coplas, conservaron unha inmensa riqueza e patrimonio oral.
Castelao na Laracha
Doutra banda, e tamén no programa das Letras Galegas, propón o Concello da Laracha para hoxe unha sesión de teatro infantil-familiar para pequenos a partir de 5 anos. Será na Casa da Cultura, ás 18.00 horas, a cargo de Fantoches Baj e o seu espectáculo Castelao: un corazón á intemperie. Acceso libre e de balde. É esta a primeira cita larachesa en torno ao 17.

Medio milleiro de persoas a pé contra o cancro en Soneira
Hoxe • A xunta local da Asociación Española contra o Cancro de Vimianzo organizou para hoxe unha andaina solidaria con saída ás 16.30 da igrexa de Berdoias. Pendentes do tempo, parece que poderá levarse a cabo, e non serán poucos. Explicaba onte pola tarde María Paz Rodríguez que contan cuns 500 inscritos, a falta dos que aínda se poidan anotar hoxe no momento da saída. Os adultos han de aboar 5 euros e os nenos, de ata 12 anos, 3
Para facilitar a asistencia, habilitouse aparcamento, e terán ademais animación, a cargo de Teté Teatro, Trubisquiña e a Pasarela Big Band. Paz aínda lembra a cita do ano pasado, medio trazado baixo choiva, pero ninguén se apeou: «A xente que vén é verdade que vén de corazón».
Os asistentes hoxe pasarán por puntos como a Ponte do Vao Pedroso, os petróglifos e pazo de Boallo ou a Carballeira de San Roque. Máis motivos, pois, para sumarse.
Centos de maiores reunidos en Cabana
Hoxe • Ao igual que xa o fixeron Zas, Vimianzo ou Malpica, o Concello de Cabana festexará hoxe a súa Xuntanza de Maiores, na que será a 24.ª edición. Terá lugar no polideportivo, con apertura de portas ás 13.30 e benvida do alcalde, José Muíño, ás 13.45. O xantar comezará ás 14.00 e para a tarde terán baile animado. Cando menos ata as 19.00, que é cando se prevé que remate o encontro.

Teatro por partida dobre, Touriñán e moito máis
Hoxe • A maiores das citas das Letras en Baio, A Laracha, Muxía e Berdillo, isto:
Contos de Primavera en Carballo • La Voz entrega os galardóns dos Contos de Primavera. Ás 12.00, en Conservas Calvo, co acompañamento das Cantareiras de Verdillo.
«Manuela Rey is in da house», en Vimianzo • Un espectáculo teatral de altura, coprodución do Centro Dramático. Ás 20.30, na Casa da Cultura, con entrada en woutick.es ou alí mesmo. A obra toma como referencia a figura da actriz mindoniense Manuela Rey, unha estrela.
Xosé Touriñán en Cee • Habilitouse dobre pase de Aquí tou! e esgotou entradas para ambos: 18.30 e 21.00 horas.
Mostra Labarta Pose en Baio • No auditorio, ás 21.00 horas, Martabelas Teatro (Teo) interpretará Segredos de familia e licor café, comedia negra.
Cantos de taberna en Lires (Cee) • Ás 19.00, con As Rinchonas, Os Farrapos, Abrindo Rejo, Trubisquiña e Peta Forte.
Presentación literaria en Laxe • Na libraría Risón, ás 18.30, cita con Olga Rodríguez e As crebas da memoria.
Concerto en Muxía • Coídos, ás 13.00, no cámping Lago-Mar.
Felices xuntanzas • O Korner de Carballo festexa (19.30) oitavo aniversario. Afafes estrea comida solidaria no Faina (Cee) e veciños de A Silva, A Ameixenda, Soutullo e Baíñas teñen citas gastronómicas.