
Pódense ver estes días as rúas de Baio e Zas inzadas de poesías de Enrique Labarta Pose e de flores. Nada mellor que xuntar versos e plantas para adornar as vías e lembrar ao fillo do boticario que deu en cultivar as letras para lle dar alento á súa inspiración e humor. Encheu Galicia de publicacións, traballos xornalísticos, campo no que fixo moitas innovacións; contos e, sobre todo, poesía satírica. Deixou unha fonda pegada no mundo literario galego de finais do século XIX e principios do XX. Durante decenios, as súas composicións eran recitadas de memoria polos seus paisanos e amigos en celebracións e acontecementos culturais ou festivos. Non se pode desbotar, non obstante, a súa profundidade á hora de abordar asuntos comprometidos, como son os do propio idioma, o trato da muller ou o dos animais. Era o seu lóstrego particular. O dun mozo que quedou orfo de novo. «Eres libre, muller, e igual aos homes», proclamaba nunha das súas composicións. Un adiantado ao seu tempo en moitos destes aspectos, o que rompe determinados clixés que se aplicaban e o limitaban inxustamente ao campo do humor e da ironía. «Non quero, non, que me leven para un camposanto inmenso», proclamaba para que non lle desen sepultura en terra allea. Quería que o enterraran aló, e aló é Baio. Temía morrer naquel desterro onde se consideraba, se ben en Barcelona non o trataban mal e incluso o homenaxearon. Non se acostumaría, dicía, a que o enterrasen «antre mortos que non falan galego». O vindeiro día 13 cumpriranse 100 anos do seu pasamento e en Baio téñenlle preparado un acto para conmemoralo. Non estarán os seus restos, pero si o seu espírito.