
O encontro de música tradicional, xa na súa 25.ª edición, celébrase este domingo pola mañá en Arteixo
27 abr 2025 . Actualizado a las 10:54 h.A asociación xuvenil Xiradela, creada no 1987, levará a cabo este domingo 27 de abril unha nova edición do seu concurso de música tradicional, unha convocatoria instaurada no 2000 e que, por tanto, acada xa a súa 25.ª edición. Nela tomarán parte 23 grupos de moi diversa procedencia, e entre eles unha ampla representación da Costa da Morte, que pasa polas seguintes formacións: Avelaíñas, da asociación veciñal San Miguel de Vilela (Carballo), na categoría A (menos de 9 anos); Vimianciñas, da Escola de Música e Baile Tradicional de Vimianzo, na categoría B (dos 9 aos 13 anos); As Xaviñanas, da Universidade Popular de Corcubión, e Cabaleiras do Camiño, de Pedras Miúdas (Lires, Cee), na categoría C (dos 13 aos 17 anos), e finalmente Meigallo, de Carcaxía (Malpica), no apartado D ,dos 17 anos en adiante. Hai que sumar a isto un amplo número de pezas que, interpretadas por grupos que non son da comarca, si foron recollidas ou fan alusión a este territorio da Costa da Morte.

O certame comezará ás 10.30 no auditorio co centro cívico de Arteixo e prolongarase toda a mañá. É de acceso libre e de balde, con ampla rotación de público, unhas mil persoas segundo as estimacións doutros anos. Cunha contía total de 2.400 euros, haberá premios económicos para os primeiros, segundos e terceiros postos de cada categoría, ademais dun trofeo para o colectivo con mellor vestiario. O xurado valorará autenticidade, dificultade, afinación e interpretación. O cartel deste ano é obra da artista coruñesa Alba Pose (2000), que empregou o bordado, moi representativo da súa obra, sobre unha fotografía de Pablo Quintana, un retrato de Eva Castiñeira, unha das cantareiras homenaxeadas este ano coas Letras Galegas. Cor, textura e identidade.