A investigación e a innovación como patas dun mundo sostible

Antón Lestón
Antón Lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

MARCOS MÍGUEZ

Ecovoz 2025 | Fala Rosalía Noguerol, responsable da área de Materiais Avanzados no Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial 

07 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai doce anos que no polígono de Alvedro naceu unha empresa con iniciativa investigadora para buscar as solucións máis sostibles de cara ao progreso da sociedade. Trátase do Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial (CETIM), no que Rosalía Noguerol é a responsable da área de Materiais Avanzados.

—Que é o Cetim?

—É un centro tecnolóxico privado focalizado en realizar proxectos de I+D+i [investigación, desenvolvemento e innovación], principalmente para a industria. Estamos especializados en tecnoloxías concreta que podemos utilizar en infinidade de sectores, dende o forestal ata o da automoción, a construción ou a electrónica.

—Como responsable de Materiais Avanzados, cales diría que deben ter máis presenza para un futuro sostible?

—Se falamos do plástico, por exemplo, ata agora era un material derivado totalmente do petróleo e agora as iniciativas que se ven baséanse en meter porcentaxes nas formulacións de residuos de plásticos reciclados ou de polímeros sostibles. Tamén traballamos moitísimo con materiais lignocelulósicos, é dicir, materiais que se fagan a partir da madeira. Traballamos cun modelo de biorefinería. Collemos as táboas de madeira e obtemos os tres compoñentes principais de forma separada (celulosa, lignina e hemicelulosa). A partir de aí, e facendo maxia ca química, logramos produto de alto valor engadido para a construción, para as baterías do coche...

—Outra área de traballo do Cetim é a biotecnoloxía.

—Tanto en Galicia como a nivel nacional e internacional, cada vez dánselle máis importancia aos proxectos de tratamento da auga. Pero non só vendo as augas residuais como un vertido que tes que sanear, senón como unha fonte de recursos. Moitas veces aí hai infinidade de recursos que podemos extraer e utilizar. Nós traballamos nun abano moi amplo para revalorizar todo iso. E temos outra tecnoloxía que me gusta moito que se chama solucións baseadas na natureza, que consiste en utilizar todo tipo de substratos e plantas para tratar este tipo de correntes acuosas.

—Perciben un gran cambio de modelo industrial en canto a innovación sostible?

—Si, sobre todo porque antes, hai dous decenios, tiñamos unha economía lineal: producir, consumir e xerar residuos. Agora, grazas á investigación, a centros como o noso, a outras empresas ou ás universidades, estase impulsando un cambio de modelo á economía circular, demostrando que os produtos se deseñan para ser reutilizados, reciclados ou renovados. E iso ten dúas vantaxes: reducimos os residuos xerados e baixamos tamén a necesidade de extraer novos recursos da natureza.