Dobre representación da Costa da Morte nos premios do Certame Literario de Ames

La Voz

CARBALLO

Sica Romero, Nazaret López e Ismael Ramos foron os integrantes do xurado
Sica Romero, Nazaret López e Ismael Ramos foron vos integrantes do xurado

Resultaron galardoados traballos de Ana López Canosa (Cee) e Marcos Iglesias Lista (A Laracha). Narrativa e poesía, respectivamente

05 jun 2024 . Actualizado á 00:29 h.

Vén de facer pública a concellería de Normalización Lingüística de Ames a listaxe de gañadores da 21.ª edición do Certame Literario convocado neste municipio. Foi un ano de alta participación, 179 traballos, 12 máis que no 2023, 27 máis que no 2022 e procedentes de 11 municipios ben dispares do territorio galego. Dous deses galardóns veñen para a Costa da Morte: acadou un segundo posto a ceense de raíces Ana López Canosa na modalidade de narrativa e na categoría de menos de 13 anos, e tamén un segundo Marcos Iglesias Lista, de A Laracha, neste caso na modalidade de poesía e, igualmente, categoría de menos de 13 anos. Ana presentou ao certame un traballo titulado Rebelión familiar, mentres que Marcos titulou o seu Morte galega. Ambos levarán, ademais do recoñecemento, 170 euros. Exerceron de xurado Sica Romero, o mazaricán Ismael Ramos e Nazaret López, os tres pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual. Destacou Normalización Lingüística de Ames a súa satisfacción por que o concurso se volva situar, un ano máis, como referencial para moitos autores e autoras en lingua galega. 

ÁLBUM FAMILIAR

Cabe lembrar, neste sentido, que Ana López Canosa xa merecera tamén un segundo premio no 2021 nesta convocatoria, daquela na modalidade de poesía. É a terceira xeración dunha familia dedicada ás letras, véxase súa nai, María Canosa, e súa avoa Concha Blanco. A historia literaria continúa.