O Fisober xogará a última bala polo título e o ascenso en Ou Conco ante o Composala

Melissa Rodríguez
melissa r. s. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Dependen, así mesmo, do que faga o Vilalba

13 may 2024 . Actualizado á 21:31 h.

As ligas van chegando ao seu fin e esta semana, as mozas, tanto por parte do Bergantiños, de fútbol, como do Fisober, de fútbol sala, poden ser protagonistas. Ambos os equipos fixeron os deberes ao longo da tempada, incluída na penúltima xornada de liga, na que ambos venceron aos seus rivais. Os dous poden proclamarse campións, cos beneficios que iso conleva.

Do Bergan falamos xa estes días. A formación dumbriesa vén de golear a domicilio ao Concello de Begonte por 0-8. Ao descanso xa ían 0-2. Destacou o triplete da capitá e pichichi do conxunto, Paula Fandiño, e o dobrete de Inés Suárez.

Este resultado deixa ás de Fran Toba segundas, cos mesmos puntos que o líder, o Vilalba. As lucenses teñen ao seu favor a gol average particular. Foi o rival contra o que as da Costa da Morte asinaron dúas das únicas tres derrotas do curso na Preferente Galicia. O resto son todo triunfos. Non coñecen o empate.

No partido decisivo, o Fisober medirase na casa ao Composala, da zona medio baixa. As representantes da comarca deben empezar por vencer o duelo, e esperar a que desde a outra provincia cheguen boas noticias. Alí disputarase o Vilalba-Ribeira, equipo, este último, que marcha cuarto.

Desde o club dumbriés confirmaron que estes dous encontros xogarán en horario unificado, marcado, inicialmente, para o domingo, ás 16.00 horas, se ben aínda está por ver, xa que os catro conxuntos implicados, segundo apunta o Fisober, prefiren disputalos o sábado. Sexa como fose, fan un chamamento á afección: «Canta máis xente haxa na pista, mellor», dixo o adestrador, Fran Toba, que non perde a esperanza.

Só ascende a Segunda División (segundo chanzo do fútbol nacional no que as dumbriesas xa estiveron) o primeiro, que o fai de forma directa. Non hai fase de ascenso. De modo que ou todo, ou nada.

De momento, serán baixa, como nos últimos duelos, Barca Toba, Adriana Castro e Ana Mouzo, todas elas por lesións graves. O Vilalba leva sendo a «besta negra» do Fisober os últimos anos.