Sogama implanta un sistema de produción que é toda unha referencia no Xapón

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

A iniciativa púxose en marcha cos traballadores adscritos á planta de clasificación

14 ene 2024 . Actualizado á 12:56 h.

Mentres continúa co seu plan estratéxico para o próximos cinco anos, a dirección de Sogama quere ir un paso máis e puxo en marcha un sistema de produción co que pretense ser máis eficiente e sostible.

A finais de decembro, a sede de Sogama en Morzós acolleu un acto no que os protagonistas foron os traballadores e traballadoras adscritos á planta de clasificación. Trátase da instalación onde se reciben os envases de plástico, as latas e os briks procedentes da recollida selectiva do colector amarelo a fin de separalos e remitilos aos centros recicladores para ser convertidos en novos recursos.

O obxectivo, pór en valor o esforzo de todo o equipo humano na implantación da denominada Metodoloxía 5S. Ten a súa orixe no Xapón e susténtase en cinco piares básicos: clasificación, organización, limpeza, estandarización e disciplina. De forma paralela, desde a dirección de Sogama quíxose deixar constancia «dos logros acadados a nivel de organización, eficiencia, limpeza, orde, mellora na contorna de traballo e no propio ambiente laboral, e, incluso, unha maior satisfacción do persoal».

Da man de Prezero, firma xestora da planta de clasificación, e co asesoramento de Newmind, empresa galega de innovación, logrouse, segundo apuntaron en Sogama, configurar un espazo de traballo máis atractivo, produtivo e seguro, ao minimizar a presenza de obstáculos, ferramentas e subministracións innecesarias, á vez que se propiciou un menor consumo de recursos e unha menor xeración de residuos, contribuíndo desta forma á economía circular. Este proxecto pretende ser a peza angular sobre a que construír un sistema de produción, deseñado precisamente para optimizar a eficiencia operacional e garantir a sustentabilidade.

O acto de clausura arrincou coa intervención do presidente de Sogama, Javier Domínguez, quen felicitou aos principais actores — Prezero, departamentos técnico e de Recursos Humanos de Sogama— e, por suposto, ao persoal da planta de clasificación. Javier Domínguez agradeceu «o compromiso coa mellora continua e o espírito de apertura cara a formas de traballar máis produtivas e eficientes, que redundarán na prestación dun mellor servizo».

A directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, apelou á necesidade «de exporse novos retos e obxectivos máis ambiciosos», convencida de que con tesón, esforzo, organización e cooperación, «poderán ser acadados». Mostrou tamén a súa gratitude «a técnicos e operarios implicados no proxecto», e alentou a seguir traballando nesta liña por todas as vantaxes que implica.

Un representante de Newmind, o xefe da planta de clasificación por parte de Prezero, Javier Froján, e o técnico da área de Recursos Humanos de Sogama, José Manuel Pallas, fixeron un balance da iniciativa, detallando as medidas aplicadas e os labores de seguimento, e deixando tamén constancia do notable cambio das instalacións tras a implantación da denominada Metodoloxía 5S. Así mesmo, fixéronse eco das impresións dos responsables de quenda, de mantemento, de operación e de limpeza, quen destacou a redución do tempo de resposta ante avarías e atascos, a xeración de máis espazo, a creación dunha contorna de traballo máis saudable, e a facilidade para atopar as ferramentas adecuadas a cada circunstancia.