Recyclia premia á xornalista María Meizoso, de Radio Voz, polo seu labor no programa EcoVoz

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

M.MORALEJO

O espazo de divulgación ambiental celebrará este curso o seu 25.º aniversario

01 nov 2023 . Actualizado á 23:25 h.

O Consello de Administración de Recyclia acordou concederlle á xornalista María Meizoso o seu oitavo Premio Recyclia de Medio Ambiente na categoría de Mellor labor dun xornalista á difusión da reciclaxe. Este recoñecemento chega para Meizoso polo seu traballo en EcoVoz, tanto nos micrófonos de Radio Voz como nas páxinas de La Voz de Galicia na súa edición de Carballo. Ecovoz é un espazo ambiental decano en Galicia, impulsado desde os seus inicios por Radio Voz Bergantiños: de feito, neste curso 2023/2024 en marcha, o programa celebrará o seu 25.º aniversario, un cuarto de século de divulgación para a audiencia en xeral e especial empeño na conciencia dos pequenos, a través de iniciativas como o concurso escolar Ecopreguntoiro. Faise da man da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama).

Máis recente que EcoVoz é o galardón de Recyclia, que como lle comunicaron a Meizoso, cumpre oito anos recoñecendo o labor de persoas, entidades e medios de comunicación en favor da reciclaxe e, en definitiva, dunha sociedade máis sostible. «Estupenda noticia» a que recibe, por tanto, María Meizoso, a chegada deste recoñecemento que ela fai extensivo a todos os compañeiros, tanto da radio como deste xornal, que colaboran na realización de EcoVoz.

Non é a primeira vez que o programa é premiado por entidades vinculadas ao medio ambiente. Anteriores galardóns chegaron de Humana Fundación Pobo a Pobo ou da Fundación Instituto para a Sustentabilidade dos Recursos, ISR. Actualmente, María Meizoso encárgase das entrevistas a impulsores de iniciativas vinculadas cun mellor coidado do medio ambiente, mentres que Fran Rodríguez ocúpase do apartado Ecopreguntoiro, en cuxa última edición tomaron parte estudantes de sexto de primaria de 16 colexios de toda Galicia. Liderou o podio o Manuela Rial Mouzo de Cee, veterano participante.